O persoal do comercio de alimentación da Coruña bótase á rúa nunha xornada histórica de folga
Máis do 80% das persoas traballadoras de Gadis e Froiz secundaron esta primeira xornada de paro por un convenio digno
A Coruña/Ferrol/Compostela -
As traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da Coruña deron este venres unha lección de dignidade e unidade na reivindicación dunhas condicións laborais e salariais dignas. Tendas funcionando a mínimos, almacéns loxísticos sen actividade e o persoal mobilizándose na rúa é a imaxe que deixa esta primeira xornada de folga en resposta á falta de avances na negociación do convenio colectivo e as pretensións das dúas grandes compañías, Gadis e Froiz, de perpetuar os baixos salarios e a precariedade laboral.

A CIG-Servizos cuantifica un seguimento xeral superior ao 80% en toda a provincia, con tendas abertas só co persoal eventual e as persoas encargadas, incluso xente dobrando quendas, pero caixas sen servizo e coas seccións de carne e peixe pechadas. Nalgúns centros como o almacén loxístico principal de Gadis en Piadela (Betanzos) o seguimento foi aínda maior, xa que só entrou a traballar o 10% do persoal, mentres que na plataforma de distribución de peixe desta compañía, o seguimento foi do 100%.
Nalgúns centros, como no HiperGadis de Carballo, a falta de persoal suficiente obrigou a empresa a pór unha cadea para limitar o acceso a 10 clientes de cada vez.
Unha resposta nunca antes vista na provincia neste sector, que levaba sen convocar folga polo seu convenio dende o ano 2009. E isto a pesar da campaña de coaccións e as presións aplicadas polas empresas nas últimas semanas para impedir que as traballadoras e traballadores exerceran o seu dereito fundamental.

Hoxe mesmo, nunha tenda de Ferrol, un xefe de tenda increpou as traballadoras que estaban no piquete informativo, ameazándoas con denuncialas e despedilas. Ademais, a CIG tivo que presentar denuncia na Inspección de Traballo contra Gadis por botar do almacén a dous membros do comité de folga impedíndolles facer as súas funcións de control recollidas na lexislación (que non haxa esquirolaxe organizativo, traslado de persoal doutros centros para suplir persoal en folga, cambios de horarios etc.).
A CIG condena este tipo de actuacións antiobreiras e antisindicais e adianta que non vai consentir ningún tipo de represalia patronal contra as persoas traballadoras por exercer o seu dereito á folga.
O sector, na rúa por salarios e condicións xustas
O masivo seguimento do paro deixouse notar tamén nas rúas da Coruña, Ferrol, Compostela, Ribeira ou Carballo onde centos de persoas traballadoras participaron nos piquetes e milleiros delas sumáronse ás manifestacións realizadas nas tres cidades. "Solución en alimentación", "Gadis e Froiz explotan o seu persoal" ou "violencia é non chegar a fin de mes", foron algunhas das consignas coreadas ao longo dos percorridos mentres as mobilizacións ían pasando por diante dos supermercados, uns pechados e outros custodiados por seguridade privada contratada en exclusiva para esta xornada de folga, co obxectivo de trasladarlle á clientela unha imaxe negativa e distorsionada da loita do persoal por un convenio que recolla auténticas melloras nas condicións de traballo.

Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación, agarda que a patronal tome boa nota desta contundente resposta e mude a postura "belixerante e inmobilista" que mantivo até agora nas diferentes xuntanzas. Crítica que a única oferta presentada pola patronal foi un incremento miserento do 3% para este ano, "tres días máis de permiso por falecemento de parente en primeiro grao, e nada máis. Nin xornada, nin conciliación, nin complementos".
Fronte ao este inmobilismo, a parte social demanda incrementos salariais substanciais que “saquen da pobreza as persoas traballadoras, que cobran 1.100 euros ao mes estando a xornada completa”; reducir a xornada anual que é elevadísima; melloras nos horarios e licenzas; libranzas nos sábados; ou crear un complemento de antigüidade como xa teñen recollido no convenio de comercio de alimentación de Pontevedra.
"O único que está reclamando o persoal e chegar a fin de mes e non estar asfixiado nas tendas porque teñen que asumir unha carga de traballo brutal", salienta Pérez. Pon o acento en que as empresas se escudan en que no atopan man de obra para reforzar os cadros de persoal, "pero cos salarios que pagan é normal que non haxa xente que queira traballar neste sector".

Se non hai avances substanciais, folga o 23 de xuño
Logo desta xornada de folga, a CIG agarda que a patronal acuda á reunión do día 5 de xuño cunha actitude diferente, que teña vontade real de negociar e presente propostas para avanzar na dignificación das condicións laborais, salariais e sociais. O representante sindical xa advertiu que, de non producíronse avances substanciais, o 23 de xuño haberá unha nova xornada de folga, coincidindo coa noite de San Xoán.

