Grandes superficies de comercio-alimentación, como Alcampo, sáltanse o decreto do goberno
CIG-Servizos denuncia que as administracións están permitindo ERTEs en servizos concesionados
Nacional -
Comités de varios hipermercados puxéronse en contacto esta mañá coa CIG-Servizos, para denunciar a situación desbordada que se vive no interior dos centros. Informan de que malia a presenza policial, esta limítase a actuar no exterior dos establecementos mentres no interior se suceden os problemas entre a clientela o que está a provocar unha enorme tensión entre as traballadoras, que pasan a súa xornada laboral con medo, non xa a contaxiarse polo constante contacto con outras persoas, senón tamén ao que poida pasar nos enfrontamentos que se producen.
Isto non é o único que ocorre nestes supermercados. Segundo a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, estas grandes superficies están incumprindo o decreto de goberno, no relativo á limitación de comercializar tan só produtos alimenticios. “Temos constancia de que en hipermercados como os da cadea Alcampo se están vendendo todo tipo de produtos”, asegura.
Fernández asegura ademais que nalgúns destes centros “o exército está poñendo orde nas colas, porén está consentindo que se venda de todo cando só está permitido vender alimentación”.
A secretaria nacional da CIG-Servizos asegura que desde os comités se lles está advertindo desta circunstancia ás forzas da orde, pero “non actúan”. Isto provoca neste tipo de supermercados “colas extraordinarias, un montón de xente dentro dos centros de traballo e a policía e o exército mirando para outro lado, limitando a súa actuación a que a xente na rúa non monte líos”.
Apunta, fronte a isto, que nas tendas pequenas está todo máis controlado, mentres nos hipermercados a situación, e polo tanto o persoal, seguen desbordados, até tal punto que estas empresas están contratando xente para reforzar, “pero non para que as compañeiras teñan mesmos traballo, non, para reforzar e cambiar os horarios e para meter esa xente e que poida producir máis, non por previr”.
ERTEs en servizos públicos
Para a secretaria nacional de CIG-Servizos tamén é “inadmisible” que se estean presentando ERTEs en empresas concesionarias de servizos públicos, tanto da administración autonómica como das administracións locais. “Estanlles pedindo a todas aquelas contratas que son publicas que suspendan a actividade e que manexen un ERTE”, denuncia.
Un destes casos dáse no concello de Vigo, en concreto nas piscinas municipais, onde é o propio concello o que suspende momentaneamente o servizo e promove a aplicación dun ERTE parcial para profesorado e monitores mantendo a persoal de limpeza, mantemento e directivos.
Para Fernández, estes ERTEs “están en fraude porque é unha prestación de servizo e non poden aplicalos nalgúns servizos.”. Por iso considera que é moi importante que os comités e as delegadas e delegados da CIG, saiban que no momento en que se lles certifique que ese ERTE é válido, “hai 20 días para poder denunciar a través das asesorías xurídicas da CIG”.