Grupo HOTUSA: luxo na Toxa e precariedade en Chantada

A empresa manobrou para ser declarada insolvente e que o persoal tivera que cobrar salarios e indemnizacións do FOGASA

Lugo -

A empresa H24 Reservation Services SL, da cal é administrador Amancio López Seijas e que pertencente ao Grupo HOTUSA, foi declarada en situación de insolvencia en marzo de 2022 polo Xulgado do Social nº 3 de Lugo, logo da tramitación dunha execución polo impago dunha indemnización por despedimento e de salarios. En dita execución non se atoparon bens para poder cobrar a cantidade adebedada.

A día de hoxe, a empresa aínda mantén actividade en Chantada prestando servizos para outras empresas do Grupo HOTUSA, tendo traballadores e traballadoras que seguen a realizar as súas funcións, a pesares de estar en situación de insolvencia.

Para a CIG resulta absolutamente escandaloso que H24 e o Grupo cometan esta fraude para evitar pagar salarios e indemnizacións, e se lles permita descapitalizar unha empresa desfacéndose dos seus activos "para que paguemos todos e todas as súas débedas por medio do FOGASA; organismos que, cómpre lembrar, se financia coas cotas dos traballadores e das traballadoras".

Estas prácticas, engade o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, non só constitúen unha fraude, senón que provocan que o persoal afectado teña que agardar meses ou anos para poder cobrar os seus salarios do FOGASA. "Con esta actuación, ademais, a empresa e o Grupo HOTUSA evidencian o pouco respecto que teñen polos dereitos laborais dos seus traballadores/as", ao que hai que sumar a persecución sindical que exerce acotío.

Pero Niño apunta tamén á responsabilidade que ten a propia administración nesta especulación, ao asumir o pago de cantidades "cando existe unha clara responsabilidade solidaria de todo o Grupo HOTUSA".

Por iso, a CIG vai instar o Ministerio de Traballo, do que depende o FOGASA, e o Ministerio de Seguridade Social para que investiguen esta fraude e intenten recuperar as cantidades abonadas así como as cotas á Seguridade Social quen a compañía non pagou, actuando contra o Grupo para que responda das súas débedas e obrigas, xa que no caso de non facelo habería unha complicidade difícil de entender.

A pesares das aparencias que transmite o foro que se celebra estes días na Toxa, promovido por este Grupo empresarial e no que participan todas as elites económicas e políticas do Estado, "na realidade os traballadores e traballadoras son os que sofren as consecuencias destas prácticas mafiosas", resume Niño.

Volver