Inditex estende a Ourense as melloras salariais asinadas na provincia de Pontevedra
O acordo é consecuencia da folga de nove días levada a cabo polas traballadoras/es de Bershka
Ourense -
O grupo Inditex e a representación sindical asinaron este martes un acordo salarial que afecta a todos os centros de traballo da provincia de Ourense e que suporá a incorporación de dous pluses mensuais, un de 80 euros e outro de 40. Estas cantidades foron pactadas entre a dirección e as traballadoras/es de Bershka na provincia de Pontevedra tras nove días de folga para rematar coa discriminación laboral no grupo téxtil.
Tras a sinatura do acordo, o persoal de Massimo Dutti, Pull&Bear, Zara, Stradivarius, Lefties e Bershka vaise beneficiar dunhas melloras que consisten, basicamente, no incremento dos salarios de todas as traballadoras/es mediante a incorporación de dous pluses: un lineal de 80 euros mensuais para todas/os as empregadas/os, con independencia da xornada que realicen, e outro de 40 euros que será proporcional á xornada laboral.
“Esta mellora é froito dos acordos asinados na provincia de Pontevedra a raíz do conflito de Bershka, onde un puñado de mulleres, moitas delas con contratos temporais, e a maioría con xornadas parciais, mantiveron unha dura folga de nove días en demanda de mellores condicións económicas e laborais. Foi a CIG o único sindicato que estivo á fronte deste intenso conflito e que rematou cunha importantísima vitoria para as traballadoras/es”, lembra o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo.
"Non se trata dun regalo, senón dunha conquista"
O responsábel sindical considera que Inditex optou por estender os acordos desta folga a outras provincias “antes de ver como a mecha seguía prendendo e servira de exemplo a outras partes do país; non se trata pois dun regalo, senón dunha conquista”.
A maiores destas novas condicións, nos centros nos que a CIG ten a representación na provincia de Ourense (Massimo Dutti e Pull&Bear) asináronse en días recentes melloras tamén de carácter social na clasificación de categorías, quendas de traballo, etc., “o que vai redundar nunhas condicións de traballo máis dignas para estas persoas”.
Finalmente, dende a CIG-Ourense anuncian que a comezos do vindeiro ano convocarán a mesa de negociación do convenio provincial do sector do Comercio Téxtil, que leva atascado dende 2010. “Todo isto enmarcámolo na campaña 'É o momento de recuperarmos dereitos coa CIG', que vimos de poñer en marcha en días pasados, e que vai no camiño de retomar conquistas, mellorar o emprego e os salarios e recuperar dereitos perdidos”.