Israel e os Estados Unidos comezaron a guerra contra Irán

Umberto Mazzei -

O ataque sorpresa de Israel mentres Irán negociaba en Viena cos Estados Unidos é un claro e aleivoso acto de guerra cometido por este coa complicidade dos Estados Unidos e o Reino Unido, ambos cómplices dos crimes sionistas

 A guerra dos sionistas contra Irán comezou cando en xaneiro de 2020 os Estados Unidos perpetraron un asasinato no aeroporto iraquí de Bagdad para matar o xeneral Qassim Soleimani, líder da Forza Quds do Corpo da Garda Revolucionaria Islámica (CGRI). Soleimani, a través da Forza Quds, creara para Irán unha póliza de seguro contra futuros ataques israelís contra Irán.

 A Forza Quds é responsábel das operacións militares iranianas fóra das fronteiras de Irán e combatía contra Al Qaeda e os outros grupos terroristas creados pola CIA e o Mossad para derrocar o goberno propalestino de Assad en Siria, que era parte do chamado «Eixo da resistencia», que inclúe os diversos gobernos amigos de Irán e forzas militares non gobernamentais.

 Estas incluían a Hezbolá no Líbano, varios grupos do CGRI en Siria que colaboraban con milicias sirias, o goberno de Bashar Al Assad en Siria, varias faccións palestinas na Palestina ocupada e o Goberno de Ansar Allah no Iemen.

 Sen ter a súa propia disuasión nuclear, Irán necesitaba algunha forma convencional de contrarrestar a superioridade militar de Israel e os Estados Unidos. Mentres tanto, conscientes da utilidade dos mísiles e os drons para alargar o alcance do poder destrutivo, Irán desenvolveu unha formidábel industria de mísiles que supera en calidade tecnolóxica os mísiles estadounidenses.

  Esta disuasión creada polo «Eixo da resistencia» contiña as ameazas de Israel amparado pola OTAN e permitiu a Irán advertir a Israel e os seus socios occidentais de que se Israel disparaba contra Irán estes grupos lanzarían mísiles sobre Tel Aviv en represalia.

 Israel ten como obxectivo recoñecido manifestado pola súa propia bandeira expandirse até o rio Tigris na fronteira con Irán. A República islámica apoiou sempre a causa dos palestinos e por iso é detestada por Israel e porque é o único Estado musulmán poderoso e independente que pode frear o expansionismo sionista.

 Por iso, mentres Irán negociaba cos Estados Unidos, Israel coa complicidade destes atacou a central de enerxía nuclear iraniana de Natanz e asasinou os comandantes da Garda Revolucionaria de Irán na madrugada do día 13 de xuño. O ataque foi realizado por 200 avións israelís que foron recargados de combustíbel por avións cisterna ingleses no espazo aéreo de Iraq. O ataque sorpresa mentres Irán negociaba en Viena cos Estados Unidos é un claro e aleivoso acto de guerra cometido por Israel coa complicidade dos Estados Unidos e o Reino Unido, ambos cómplices dos crimes sionistas.

 O asasinato de Soleimani deu inicio a unha nova e decidida campaña política e militar por parte dos Estados Unidos, Israel e os seus aliados europeos para debilitar a Irán.

 Israel e os Estados Unidos comezaron a atacar puntualmente bases loxísticas iranianas en Siria e Iraq para debilitar a posición de avanzada de Irán e desmoralizar as milicias sirias e iraquís que operaban contra os intereses israelís. Israel comezou a asasinar a oficiais militares do CGRI en Siria, Irán e Iraq, unha campaña de asasinatos que comezou a afectar ao CGRI e á forza Quds.

 Aproveitando a súa guerra xenocida contra os palestinos en Gaza, Israel, co pleno apoio dos Estados Unidos e Europa, comezou a danar o «Eixo da resistencia», a póliza de seguro de Irán.

 Israel levou a súa guerra ao Líbano cunha desapiadada campaña de bombardeos que incluíu o asasinato do líder de Hezbolá Sayyid Hassan Nasrallah o 27 de setembro de 2024. Esta campaña, aínda que non acabou por completo a Hezbolá, sen dúbida si que debilitou. Entrementres, Israel iniciou unha campaña regular de bombardeos contra as posicións militares sirias nos arredores de Damasco e ao longo da estrada a Idlib, no norte. Esta campaña de bombardeos, coordinada co exército e os servizos de intelixencia estadounidenses, tiña como obxectivo achandar o camiño para a entrada de antigos combatentes de Al Qaeda a Damasco e derrocar ao Goberno da o Asad o 8 de decembro de 2024. A caída do goberno de Al Asad minguou a forza de Irán na rexión do Levante (desde a fronteira turca até o territorio palestino ocupado), así como nas chairas desde o sur de Siria até a fronteira iraniana. A constante campaña dos Estados Unidos para bombardear posicións iemenís resultou na perda do equipo pesado de Ansar Allah (incluídos mísiles de longo alcance) que constituía unha ameaza fundamental para Israel.

 Isto significou que a primeiros de 2025 a póliza de seguro iraniano contra Israel se derrubase. Israel iniciou a súa marcha cara á guerra, suxerindo que un ataque contra Irán era inminente. Tal ataque, como o sabe o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, axudaríao na súa loita política interna cos partidos ultraortodoxos sobre a cuestión dunha exención militar para as súas comunidades; isto evitaría a caída do seu Goberno.

 O cínico Netanyahu está a utilizar o xenocidio e a posibilidade dunha guerra terríbel con Irán para fins políticos mesquiños. Pero iso non é o que motiva este ataque. O que o motiva é que Israel percibe unha oportunidade para tentar derrocar o Goberno iraniano pola forza.

 A resposta do Goberno iraniano consistiu nunha choiva de mísiles sobre Israel que alcanzou mesmo a central nuclear israelí de Dimona cuxas repercusións aínda se descoñecen e poderían ser fatais para a poboación de Israel recluída nun pequeno territorio se é exposta ás radiacións da central nuclear, tal como os sionistas tentaron facer coa central nuclear iraniana de Natanz, que por sorte está ben protexida. A última noticia é que o Parlamento iraniano levantou a fatwa que prohibía a fabricación de armas nucleares e é probábel que o ataque sorpresa argallado polos sionistas e os seus aliados da OTAN teña por resultado obrigar a Irán a se dotar de armas nucleares.

 Rusia e China condenaron no Consello de Seguridade da ONU o ataque do réxime sionista contra Irán, pero non hai dúbida de que o argumento máis convincente para tranquilizar os ardores bélicos sionistas foi a choiva de mísiles iranianos que destruíu moitos brancos militares en Tel Aviv, incluíndo o edificio do ministerio de Defensa. Até o de agora os sionistas só tiñan experiencia en bombardear. Agora coñeceron a experiencia de ser bombardeados.

 Irán regresou ás negociacións con mediación do OIEA para evitar tal ataque. Os seus líderes sabían perfectamente que nada impediría que un infractor como Israel bombardease Irán. E nada funcionou. Nin sequera o feito de que Irán siga na mesa de negociacións. Israel aproveitou a debilidade momentánea de Irán para atacar. E ese ataque poderíase intensificar aínda máis.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 17 de xuño de 2025]

Volver