Israel tamén libra unha guerra económica contra os palestinos

Assaf S. Bondy -

Desde o 7 de outubro de 2023, Israel impide a centos de miles de palestinos o acceso ao traballo e ao salario. Isto provocou unha crise que xa sumiu na pobreza a millóns de palestinos en Israel e Cisxordania

 Desde o 7 de outubro de 2023, cando Israel comezou o seu asalto a Gaza en resposta ao ataque sorpresa de Hamás, os xornais de todo o mundo centráronse, con razón, nos crimes do primeiro ministro Benjamin Netanyahu en Gaza. Con todo, prestóuselle relativamente pouca atención aos seus abusos de poder en Cisxordania, onde a centos de miles de traballadores palestinos se lle nega o salario, ademais das súas liberdades civís e outros elementos dunha existencia digna. Do mesmo xeito que a brutal campaña de Netanyahu no estranxeiro, actualmente investigada como xenocidio pola Corte Penal Internacional, a negación por parte de Israel a recoñecer estas políticas de privación dos seus dereitos contra centos de miles de palestinos tamén atraeu a atención xurídica internacional.

 O 27 de setembro de 2024, as federacións sindicais internacionais presentaron unha queixa contra Israel ante a Organización Internacional do Traballo (OIT), un dos reguladores internacionais máis antigos, baseado na colaboración tripartita entre o traballo, o capital e os gobernos. Na súa queixa, os sindicatos sosteñen que desde o 7 de outubro do ano pasado o goberno israelí privou dos seus dereitos á subsistencia e a unha existencia digna a millóns de palestinos que estiveran empregados en Israel durante anos, até o inicio da nova ofensiva.

 O debate sobre o caso, que se celebrará nun tribunal tripartito nunha data aínda por determinar, examinará as violacións por parte de Israel dos convenios internacionais que subscribiu, principalmente o que garante o dereito a un salario básico. Na súa solicitude, os sindicatos argumentan que os traballadores palestinos, que levan sen traballar desde o 7 de outubro de 2023, seguen estando empregados de feito e, por tanto, teñen dereito aos seus salarios e, en consecuencia, a acceder ao seu traballo. Aínda que a OIT carece de autoridade para impor sancións, ese debate afectará á posición de Israel no mundo desenvolvido. Entrementres, en territorio israelí reina un silencio enxordecedor sobre o asunto.

 A responsabilidade de Israel sobre os medios de subsistencia dos palestinos deriva do seu control militar dos territorios, tanto en Cisxordania como na Franxa de Gaza. Durante décadas, a política de Israel garantiu a dependencia dos palestinos do mercado laboral israelí, á vez que impedía deliberada e sistematicamente o desenvolvemento e a independencia da economía palestina. Desde restricións draconianas á circulación de bens e persoas até o bloqueo do desenvolvemento de zonas industriais, estas políticas fixeron que o traballo en Israel sexa a alternativa máis lucrativa e, por tanto, a preferida por moitos palestinos.

 Esta situación fai que a decisión de impedirlles aos palestinos traballar en Israel, en empregos dos que non foron despedidos, ou a negativa a pagar as achegas correspondentes para unha pensión ou as indemnizacións por despedimento, constitúen unha violación flagrante dos convenios internacionais, principalmente o Convenio sobre a Protección do Salario de 1949. A duración da guerra en curso e a falta de vontade do goberno israelí para acordar un cesamento do fogo, tiveron como consecuencia a prolongación das penurias de moitos palestinos que non se ven directamente afectados pola violencia en Gaza.

 Os feitos nos que se basea o procedemento xudicial son graves: desde o 7 de outubro do ano pasado, o goberno israelí impediulle a entrada a Israel a máis de 150.000 traballadores palestinos, principalmente provenientes de Cisxordania (pero tamén da Franxa de Gaza) que antes da ofensiva tiñan empregos en territorio israelí. Con esta acción, o goberno está a crear pobreza e angustia para centos de miles de traballadores hoxe desempregados, así como para as súas familias. En xeral, trátase dos traballadores máis ricos dos territorios da Autoridade Palestina, que até o 7 de outubro gañaban salarios relativamente altos en Israel.

 A súa exclusión do mercado laboral israelí prexudica non só as súas familias senón a economía palestina no seu conxunto, que depende da man de obra dos palestinos que traballan en Israel desde 1967. Desde a creación da Autoridade Palestina, os salarios dos traballadores palestinos empregados en Israel son unha das súas principais fontes de ingreso, representando ao redor do 20% dos ingresos fiscais totais.

 Moitos funcionarios do goberno (como o ministro de Finanzas Bezalel Smotrich ou o ministro de Policía Itamar Ben-Gvir, ambos de partidos de colonos de extrema dereita) gábanse desta política de exclusión e prevención e comprométense publicamente a continuar con ela. Ao mesmo tempo, os datos indican que esta política xa provocou un aumento vertixinoso das taxas de desemprego en Cisxordania, unha forte deterioración dos ingresos e un agravamento da penuria material e a pobreza. Fronte á terríbel situación de fame e pobreza en Gaza, estes duros datos palidecen. Con todo, a combinación de guerra e exclusión económica ten o efecto de empobrecer e matar de fame simultaneamente os palestinos de Gaza e Cisxordania.

 Esta política non ten ningún fundamento económico ou de seguridade. O establishment financeiro e de seguridade —desde o Banco de Israel e altos funcionarios dos servizos militares e segredos até grupos de reflexión relacionados coa seguridade (como o Instituto de Estudos de Seguridade Nacional)— veñen sinalando desde os días posteriores ao 7 de outubro que se debe permitir aos traballadores palestinos entrar en Israel para cumprir cos seus labores. Así o reiterou recentemente o ministro do Interior (Moshe Arbel, do partido ultraortodoxo Shas). Permitir que os palestinos traballen en Israel, argumentan, reduciría a angustia material nos territorios ocupados e evitaría o conseguinte malestar social e os riscos en materia de seguridade.

 Os empresarios de sectores como os da construción, a industria, a enfermaría e o turismo tamén necesitan desesperadamente de traballadores e hoxe pasan dificultades sen man de obra palestina dispoñíbel (barata e pouco protexida). Os intentos do goberno de substituír esa forza laboral con traballadores inmigrantes, até o momento só tivo un éxito parcial. Dos continuos chamamentos dos empresarios para que volvan os traballadores palestinos despréndese que esta é outra fronte no que o teimudo compromiso do goberno coa guerra está a crear unha crise xeneralizada a nivel nacional.

 Desde un punto de vista puramente económico, as accións de Netanyahu son irracionais. Con todo, a lóxica que motiva o primeiro ministro e os da súa caste é algo máis complicada e non se pode entender en termos estritamente económicos ou de seguridade. Netanyahu, xunto cos seus fanáticos socios políticos de dereita —Smotrich e Ben-Gvir son só dous deles—, está motivado polo desexo de destruír a sociedade palestina, de desmantelar a Autoridade Palestina e de expandir os asentamentos xudeus, utilizando a opresión económica e política dos palestinos para estes fins.

 Por iso, o goberno israelí socava a coordinación coa Autoridade Palestina en materia de seguridade e, mentres impide aos palestinos entrar en Israel, permite o emprego de miles de palestinos nos asentamentos. Esta política deixa ao descuberto a verdadeira cara do goberno: nin seguridade, nin economía, senón unha ideoloxía de desposesión e destrución.

 As demandas legais na OIT dan conta non só o enorme dano económico que implican estas políticas senón principalmente da existencia dun crime moral que contradí os valores nos que se baseou a economía global desde a Segunda Guerra Mundial. Este crime contrasta fortemente coas convencións internacionais ás que Israel se comprometeu voluntariamente durante décadas, convencións que conforman as leis laborais básicas e a lexislación laboral na mesma Israel.

 

[Artigo tirado do sitio web Jacobin, do 27 de decembro de 2024]

Volver