Manifestación en Ourense coincidindo coa xornada de folga no comercio de alimentación

A marcha arrincará do Gadis do Couto este venres 16 ás 12:00 horas

Ourense -

Os sindicatos promotores da folga deste venres 16 de maio no comercio de alimentación da provincia de Ourense anunciaron hoxe a convocatoria dunha manifestación na cidade durante a xornada, que arrincará do Gadis do Couto ás 12:00 horas e rematará diante do Froiz das Lagoas.

O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto a representantes de CCOO, UGT e USO para explicar os motivos da convocatoria e ofrecer os detalles da mobilización, que non son outros que reclamar un convenio colectivo digno.

Pérez Carballo incidiu en que o comercio de alimentación ourensán atópase “á cola” a nivel galego en condicións laborais e sociais, e fixo fincapé en que nos últimos catro anos o persoal do sector perdeu unha parte moi importante do seu poder adquisitivo (máis de 3800 euros na categoría de caixeira/o de supermercado, categoría máis numerosa). Mentres os tres grandes grupos que negocian o convenio (Gadis, Froiz e Cuevas) rexistraron uns beneficios “obscenos”.

Por exemplo, Cuevas, a empresa máis pequena, entre o ano 2022 e o 2023 incrementou as súas ganancias despois de impostos un 70%, logrando uns beneficios netos de 7,8 millóns de impostos; Froiz incrementounos o 98%, até os 22 millóns; e Gadis o 64%, até os 146 millóns. “A pesar disto as direccións están chorando unha suba salarial e unha mellora en condicións laborais como conciliación ou xornada para un persoal que neste momento ten soldos por debaixo do salario mínimo”, denunciou.

O responsábel sindical lembrou que ao inicio da negociación as catro centrais advertiron que o convenio tiña que dar un xiro” de 180 graos” a nivel salarial e de dereitos e deixaron moi claro que non ían “intercambiar cromos” nin “regatear como se estivésemos comprando na feira”.

Recuperar o poder adquisitivo

Neste senso, sinalou que o principal obxectivo da parte social é recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos e pactar un incremento “decente”, polo que lle trasladaron á patronal que non aceptarían un acordo que non contemplase uns soldos para a categoría de caixeira/o de 18.100 euros ao ano para 2025 e 19.500 para 2026.

Finalmente, denunciou que as persoas traballadoras están a recibir presións nas tendas para que non secunden a folga, “algo que non imos tolerar e que imos denunciar na Inspección de Traballo e no Xulgado”. E lanzoulle unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza: “Non vai haber desabastecemento porque hai máis sitios nos que mercar”.

Volver