McDonald’s recúa e manterá o calendario laboral pactado no establecemento de Vilagarcía
A CIG convocará novas protestas se a empresa incumpre e non incorpora melloras para garantir a seguridade laboral na quenda de noite
Vilagarcía -
A dirección de McDonald’s en Vilagarcía deu marcha atrás finalmente na súa pretensión de modificar o calendario laboral pactado para 2026 e ampliar a hora de peche até as 4:30 horas durante o verán, superando o establecido pola normativa galega. Con todo, a CIG anuncia que convocará novas mobilizacións no caso de que empresa de comida rápida non cumpra o acordado e non incorpore medidas para garantir a seguridade do persoal na quenda de noite.
Dende a CIG do Salnés amosan a súa satisfacción despois de que McDonal’s recuase e manteña o calendario laboral para 2026, asegurando que só fará grupos de novos horarios se previamente as persoas traballadoras se anotan de xeito voluntario antes deste venres. Mais o cadro de persoal manifestou en asemblea que só aceptaría esta posibilidade no caso de que se melloraran as condicións laborais actuais por riba do convenio colectivo.
Na central sindical explican que nuns días a empresa confirmará se acepta as propostas de melloras laborais para garantir a protección da seguridade laboral nas quendas de noite, ao tempo que anuncian que retomarán as protestas nas vindeiras semanas se a compañía non cumpre o acordado e non incorpora as medidas que se puxeron sobre a mesa na xuntanza celebrada hoxe.

