As organizacións sindicais impulsarán mobilizacións por un Estatuto Marco que beneficie ao conxunto do persoal da sanidade

Nunha comparecencia conxunta reivindicaron unha nova clasificación con adecuación retributiva e xubilación voluntaria anticipada

Nacional -

As organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación (SATSE -FSES, FSS-CCOO, UXT, CSIF e CIG-Saúde) non apoiarán o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde se non contempla dous asuntos “transcendentais”, como son o recoñecemento retributivo correspondente ao novo modelo de clasificación profesional, e o acceso á xubilación anticipada voluntaria e a xubilación parcial.

Os sindicatos así o manifestaron este luns, nunha rolda de prensa ofrecida en Madrid, tras manter unha reunión en días pasados coa ministra de Sanidade, Mónica García, á que trasladaron as súas esixencias e malestar sobre determinados aspectos que están a condicionar esta negociación. 

Nun “momento decisivo” da negociación da nova Lei do Estatuto Marco, os sindicatos detallaron a súa postura conxunta despois de meses de traballo co obxectivo de acadar “un texto normativo que realmente beneficie ao preto do millón de profesionais a quen afecta”, apuntaron.

Negociación distorsionada

Pola contra, denunciaron que desde o Ministerio non se actuou do mesmo xeito, xa que, fronte á lealdade e boa fe manifestada polas organizacións sindicais, o Ministerio trasladou constantemente detalles da negociación, a través de redes sociais e declaracións públicas, en materias que aínda non estaban acordadas, engadindo unha presión adicional a unha negociación de seu xa complexa.

A representación sindical critiou as dificultades ás que se están enfrontando no transcurso da negociación co Ministerio xa que ademais de estar a ser unha negociación longa e con numerosos altibaixos e interrupcións, houbo falta de información sobre os resultados parciais da negociación, descoñecéndose en moitos casos que cuestións eran aceptadas definitivamente polo Ministerio e cales non.

Por outra banda, o propio proceso de negociación viuse devaluado pola incomparecencia efectiva doutros ministerios que tamén deben participar nunha negociación desta relevancia, criticando tamén as expectativas creadas polo Ministerio de Sanidade sobre temas que aínda non foran abordados na negociación, como é o caso da clasificación profesional, a xornada laboral e as gardas, entre outros. 

Retribucións xustas e xubilación anticipada

As organizacións destacaron que existen dous “obstáculos insalvábeis”, nestes momentos, que aínda confían superar para poder dar o seu apoio final ao EM. Por unha banda, reclaman que a nova clasificación profesional implique neste texto legal facer efectiva a adecuación retributiva correspondente, e, por outro, que se contemple o acceso dos profesionais interesados á xubilación voluntaria, parcial ou anticipada, sen perda retributiva. 

Sobre esta última cuestión, Manuel González Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde, salientou que todas as organizacións sindicais coinciden en que “é unha cuestión de enorme relevancia para o futuro da sanidade pública”.

“Non podemos aceptar que se aprobe un novo estatuto Marco sen unha definición clara e obxectiva sobre o recoñecemento do dereito á xubilación voluntaria anticipada e parcial para o persoal estatutario. Falamos de profesionais que xa superaron os 60 anos de idade, cunha longa vida laboral, en moitos casos con máis de 40 anos de servizo. Profesionais que teñen sostido, día tras día, a carga física e emocional que implica traballar na sanidade pública, en quendas rotatorias de mañá, tarde e noite”, valorou.

O secretario nacional da CIG-Saúde apunto que este colectivo, formado maioritariamente por mulleres, merece que o sistema recoñeza a súa entrega e compromiso e poder optar a unha xubilación anticipada sen penalización económica. “Non estamos a pedir privilexios. Estamos a defender un dereito básico que, ademais de xusto, pode supoñer unha mellora para todo o sistema sanitario”.

Permitir a saída ordenada destes e destas profesionais, engadiu Moreira, “evita situacións de incapacidades transitorias, facilita a adaptación e adecuación dos postos de traballo por razóns de saúde laboral, e abre paso á incorporación de novas xeracións de profesionais”.

Por iso, as organizacións sindicais tamén reclaman que se recoñeza de maneira explícita o dereito á xubilación voluntaria parcial, a través de contratos de relevo. Esta fórmula permitiría garantir o recambio xeracional e manter a continuidade e a experiencia na sanidade pública.

“Sabemos que esta medida é viábel. Hai categorías profesionais onde non existe déficit de persoal e sería posible acometer estas contratacións sen dificultade. E, o que é aínda máis importante, esta proposta representa un incentivo para a incorporación de novo persoal profesional á sanidade pública”.

Xornada de 35 horas

Xunto a isto, a representación sindical demanda a xeneralización da xornada de 35 horas semanais para todos e todas as profesionais do sistema sanitario, recoñecemento do solape de xornada para asegurar a continuidade asistencial e a seguridade do/a paciente, así como a mellora da organización da xornada laboral dos e das profesionais, tanto ordinaria como complementaria en todas as súas modalidades, como medida imprescindíbel para mellorar as condicións laborais, reducir a sobrecarga asistencial e favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

“Un sistema sanitario público de calidade non pode sosterse sobre a sobrecarga e o esgotamento crónico dos seus profesionais. É imprescindíbel contar cun réxime de xornadas e descansos, con condicións laborais que protexan o seu benestar físico e mental, favorezan o equilibrio persoal e profesional, e aseguren a calidade da atención”, aseguraron na comparecencia deste luns.

Ademais, insistiron en que o novo Estatuto Marco debe apostar pola actualización das funcións das diferentes categorías estatutarias. 

Os sindicatos reiteraron a súa pretensión de seguir negociando e que non aceptarán un “peche en falso” do Estatuto Marco, ademais da necesidade de abordar de maneira urxente as disposicións xerais pendentes, esixindo unha negociación específica sobre a repercusión retributiva da nova clasificación profesional e sobre as xubilacións voluntaria anticipada e parcial.

Por todo iso, a última proposta de texto de anteproxecto de Lei do Estatuto Marco, que o Ministerio de Sanidade remitiu ás organizacións sindicais do Ámbito de Negociación o pasado venres, é cualificada de “tomadura de pelo” xa que supón un paso atrás en cuestións que xa estaban pactadas como a de que o nomeamento de substitución incluíse entre as súas finalidades a de posibilitar o acceso á xubilación voluntaria parcial.

Ademais, a nova proposta do Ministerio non recolle, entre outras, unha cuestión esencial para lograr o apoio sindical ao novo Estatuto Marco como é que toda a regulación referida á xornada laboral determínese para todas as categorías e non estableza particularidades referidas a colectivos concretos senón só ás diferentes modalidades de xornada laboral que se establecen para garantir a continuidade asistencial.

Mobilizacións conxuntas

En todo caso, os sindicatos xa acordaron impulsar conxuntamente mobilizacións no caso de que o Ministerio de Sanidade non estea disposto a alcanzar un acordo sobre estas cuestións irrenunciábeis, para as que esixiu ao Ministerio unha negociación específica. A presión sindical irá en aumento nos próximos meses co horizonte final dunha folga en sanidade se non se producen os avances necesarios, adiantaron.

Con todo, e a pesar destas dificultades, o traballo de todas as organizacións sindicais presentes no Ámbito de Negociación posibilitou que o Estatuto Marco recolla avances e melloras, algunhas delas decisivas, que van ter un impacto importante na regulación do persoal estatutario e nas súas condicións de traballo, como un novo modelo de clasificación profesional acorde á formación, cualificación e competencias de cada categoría.

Volver