Confírmase a negativa do Goberno español a debater con transparencia a reforma da xubilación

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, reuníronse esta tarde en Madrid co secretario de Estado de Seguridade Social para trasladarlle as propostas da central nacionalista en materia de xubilación parcial e coeficientes redutores para acceder á xubilación anticipada. O encontro, explican, serviu para confirmar a nula vontade do Goberno español para dar un debate aberto, claro e transparente sobre estes dous elementos, fundamentais na modificación do sistema público de pensións.

Carril engadiu que no decurso da reunión, que apenas durou unha hora, tamén se constataron dúas realidades. Dunha banda, o secuestro que fai o Goberno español deste cambio normativo a través do diálogo social, saltándose os organismos oficiais onde se pode dar un debate plural e transparente sobre a reforma destas materias, así como a negativa a respectar o papel institucional de todos os sindicatos que, como a CIG, teñen a condición de máis representativos.

En segundo lugar, sinala o secretario xeral, confirmouse que se pretende avanzar nunha solución que endurecerá a xubilación parcial -acabando con este dereito aos 61 anos e  estabelecéndoa a partir dos 63- e "que non vai ser xusta nin no recoñecemento de coeficientes redutores para moitos sectores de actividade, nin tampouco o mecanismo terá a axilidade para permitir que se recoñeza con celeridade o acceso a este dereito para  novas actividades e profesións que teñen condicións especialmente penosas, perigosas e de insalubridade".

Para o secretario de Negociación Colectiva tamén chama a atención como o Ministerio de Seguridade Social se anota "de maneira entusiasta" e aposta pola privatización da sanidade pública ao colaborar na posta en marcha do que a patronal estatal, CCOO e UGT pactaron no V Acordo estatal de negociación colectiva para que os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades muscolo-esqueléticas sexan tratadas polas mutuas.  Axencias que, advertiu González Sío, "xa son hoxe un instrumento de abuso enorme, como para que aínda por enriba se lles dea máis competencias en prexuízo da sanidade pública".

A este respecto, cualificou de "escandaloso que o Goberno actúe ao ditado deste VAENC sen pasar polo Congreso das e dos Deputados nin por ningún ámbito institucional, nunha materia tan crítica como é os coidados da saúde dos traballadores e as traballadoras".

Así as cousas, a CIG continuará reclamando que se restabeleza o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para a industria manufactureira; recuperar a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións; e recoñecer e mellorar os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.

E de igual maneira seguiralle demando ao Goberno español que respecto os dereitos legais de participación e representación que teñen as  centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG.

Volver