Nova mobilización contra a precarización das condicións laborais nas contratas de Inditex
Coa protesta demándase tamén da readmisión do traballador de SARPEL despedido
A Coruña -
Traballadores e traballadoras das contratas de Inditex volvéronse mobilizar este martes diante da sede do grupo en Arteixo en rexeitamento á precarización das condicións salariais e laborais que a multinacional pretende impor ás súas auxiliares aproveitándose da emerxencia sanitaria.
Este é o caso de SARPEL, empresa que realiza o mantemento eléctrico das instalacións de Inditex no Polígono de Sabón dende hai moitos anos que, de un día para outro, comunicoulle a cinco traballadores que lles baixaba o soldo en 400€ (que perciben en concepto de dietas pero que están incluídas na nómina) e o traslado, ademais, dun destes operarios a Asturias e o desprazamento doutro compañeiro.
Cando o traballador rexeitou ir a Asturias por motivos de conciliación familiar, a resposta de SARPEL foi despedilo de maneira fulminante e cun claro carácter exemplificador para o resto do persoal, tanto desta auxiliar como do conxunto de empresas que traballan para Inditex.
A este respecto, Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, explica que Inditex deu orde a SARPEL e a outra contratas de que rotara ao persoal por outros servizos das empresas, co único obxectivo de que non consoliden dereitos, non poidan reclamar melloras laborais e salariais e aforrar cartos deste xeito. De feito, SARPEL actuou sen abrir sequera a negociación para unha modificación substancial das condicións laborais, como sería preceptivo.
En calquera caso, subliña que non estamos ante un proceso de redución de persoal nin de baixada da carga de traballo, xa que SARPEL meteu ao instante a dúas persoas para ocupar o lugar do traballador despedido e do desprazado, pero afondando na precarización destes postos xa que non os contratou directamente, senón que están por unha subcontrata de SARPEL.
Por iso, con esta protesta quérese demandar a readmisión do compañeiro despedido, mais tamén que Inditex e as contratas respecten os dereitos laborais e salariais que tanto lles custou conquistar a estes traballadores e traballadoras.