Nova mobilización en Mercadona contra a explotación e os abusos laborais
Traballadoras/es e delegadas/os da CIG-Servizos desenvolveron unha concentración diante do supermercado do mercado das Travesas en Vigo
Vigo -
A CIG-Servizos continuou hoxe coas mobilizacións no marco da campaña posta en marcha para denunciar a explotación e os abusos laborais en Mercadona, nesta ocasión desenvolvendo unha concentración diante do establecemento situado no mercado das Travesas, en Vigo.
Tal e como explicou Verónica Pérez, delegada da CIG no comité de Mercadona na provincia de Pontevedra e empregada deste centro de traballo, coa campaña ‘Un segredo a voces!’ a central sindical quere sacar á luz os distintos abusos que padecen no seu día a día as persoas traballadoras desta empresa de alimentación. Con anterioridade xa desenvolveran unha protesta ás portas do Mercadona de Porto do Molle, en Nigrán.
A representante sindical explicou que os encargados/as e responsábeis dos distintos supermercados provocan situacións de estrés entre o persoal con gritos e insultos “e fórzannos coas cargas de traballo, o que deriva en moita tensión no noso día a día”. A pesar de que o comité intentou manter xuntanzas coa dirección para abordar esta problemática, “a empresa non se senta cos representantes sindicais porque non considera que isto sexa un problema, e prefire mirar para outro lado”.
A isto hai que sumarlle a política de acoso directo da compañía ás persoas traballadoras que se atopan de baixa laboral, baixas moitas veces provocadas pola situación de sobrecarga e de presión que soportan”. O persoal médico de Mercadona persegue e chama todos os días a estas persoas, cando sabe que son baixas producidas na maioría dos casos polo alto nivel de estrés e ansiedade que padece o persoal polas elevadas cargas de traballo”. Ademais, a compañía impón tempos de traballo inasumíbeis, “e se non os cumpres sanciónante ou chámante á oficina para que deas explicacións”.
Neste senso, lembrou que a representación sindical levamos tempo reclamando test psicosociais, sen que a dirección teña feito nada. “Na Coruña dende 2019, e agora dende que a CIG ten presenza no comité de Pontevedra reclamámolos todos os días, pero á empresa non lle interesa porque suporía unha serie de medidas correctoras que non está a levar a cabo”.
Campaña sostida no tempo
Por todo isto a CIG-Servizos decidiu poñer en marcha esta campaña, coa intención de mantela no tempo “e acudir a mobilizarnos ao centros de traballo de Mercadona que requiran a nosa presenza para denunciar os abusos para denunciar as faltas de respecto, os berros, os insultos, as persecucións e o illamento que sofre o persoal”.
Unha situación que “é un segredo a voces” e o día a día nos centros de traballo, “nos que os abusos e os gritos normalízanse, e nos que a coacción e a ameaza prima por riba dunha relación laboral san”, tal e como indica Pérez.
A delegada da CIG denuncia que os coordinadores/as utilizan “para facer valer a súa posición” a pregunta de “por onde queres ir, se por modelo ou por convenio” e que “exercen o seu poder para humillar publicamente o persoal diante das compañeiras/os e mesmo diante da clientela”. Un trato que a CIG-Servizos cualifica de “vexatorio” e “constante” por parte da xerencia e das persoas encargadas.
A este respecto, a CIG-Servizos explica que o “modelo” son os métodos cos que a empresa regula a forma de facer as cousas nos centros de traballo que “ás veces, é mesmo contrario ao convenio”.