O Consello de Contas fiscaliza o servizo de directos da CRTVG, adxudicado a Overon

O procedemento ábrese a raíz das denuncias presentadas pola sección sindical da CIG

Nacional -

O Consello de Contas iniciou no día de onte, mércores 12 de xuño, a través da súa sede electrónica o procedemento para a fiscalización da prestación do Servizo de produción e transmisión de sinal de directos para a CRTVG, adxudicado á empresa Overon, dando cumprimento ao acordo do pleno do 31 de maio de 2023. Este acordo foi adoptado como consecuencia das denuncias presentadas pola CIG relativas ao incumprimento do contrato CRT-2021-0003, á insuficiencia de medios propios, ao incremento inxustificado do orzamento do actual contrato CTR-2023-008 e á afectación do dereito a comunicar e recibir información veraz.

A sección sindical da CIG explica que, segundo as cláusulas do contrato CRT-2021-0003, orzamentado en 863.827,63 € (excluído o segmento espacial), Overon tiña que pór a disposición da CRTVG catro equipos de traballo para cubrir as mañás, os seráns e as fins de semana e prestar o servizo simultáneo con dúas estacións transportábeis (DSNG).

Porén, da análise das escaletas de produción correspondentes aos días 1 de xaneiro a 28 de febreiro de 2023, a CIG puido concluír que:

  • Overon non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNGs ningún dos 59 días observados.
  • En 19 días non puxo a disposición do servizo ningunha DSNG, sendo as mochilas o único medio empregado.
  • Na maioría dos TX2 prestou un único punto de conexión en directo.

Como ampliación da análise anterior, a representación da CIG revisou unha mostra sistemática de 53 escaletas de produción representativas do ano 2022, tirando, entre outras, as seguintes conclusións:

  • -Overon non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNG 37 dos 53 día observados, o 69,8% dos días.
  • -12 días (22,64%) non puxo a disposición do servizo ningunha DSNG, sendo as mochilas 4G o único medio empregado.
  • -Dos 330 servizos de directos prestados, 163 foron con DSNG (49%) e 167 con mochilas 4G (51%).

A CRTVG externalizou servizos malia dispor de medios propios

No relativo á xustificación da insuficiencia de medios como requisito para a externalización do servizo, a sección sindical da CIG denunciou a posíbel infracción dos artigos 28.1 e 116.4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, "toda vez que a decisión da dirección da CRTVG de prescindir da DSNG que ten en propiedade desde o 1 de xaneiro de 2023 e a infrautilización das 8 mochilas 4G das que dispón, implica unha inutilización de medios propios incompatíbel coas normas indicadas".

Ademais, a CIG denunciou que o actual contrato CTR-2023-008, orzamentado en 1.068.948,47€ (excluído o segmento  espacial),  experimentou un incremento do 23,7% a respecto do contrato anterior," malia a rebaixa dos requirimentos mínimos esixíbeis para a prestación do servizo a unha DSNG permanente (24 horas, 365 días) adscrita á execución do contrato e unha DSNG adicional para a cobertura dos 25 servizos de retransmisión de eventos".

Esta suba, alertan, que non se xustifica suficientemente nos pregos do expediente, principalmente porque a supresión do servizo dunha DSNG as 24 horas do día os 365 días do ano  supón un aforro substancial que non se reflicte no orzamento.

Dereito á información veraz

Por último, a CIG insistiu na afectación do dereito fundamental a comunicar e recibir libremente información veraz que recolle o artigo 20 da CE. "A xestión externalizada do servizo de directos supón que o persoal de Overon intervén na edición de contidos informativos sen estar sometido aos principios éticos e de conduta esixíbeis ás empregadas e aos empregados públicos dispostos  nos artigos 53 e 54 do EBEP".

Volver