O persoal da limpeza hospitalaria de Pontevedra mobilízase para reclamar melloras laborais
Desenvolveu concentracións nos hospitais Provincial e Montecelo e ten convocada manifestación o 27
Pontevedra -
O cadro de persoal Acciona, concesionaria do servizo de limpeza hospitalaria de Pontevedra, iniciou o calendario de mobilizacións previas á convocatoria de folga indefinida prevista para o luns 2 de maio para reclamar melloras laborais tras a ruptura das negociacións do convenio. Hoxe desenvolveu concentracións simultáneas diante dos hospitais Provincial e Montecelo ás 10:00 horas, mentres que para o mércores 27 hai convocada unha manifestación que sairá dende o hospital Provincial ás 18:30 horas e rematará na praza da Peregrina.
As conversas con Acciona para renovar o convenio déronse por rotas porque actitude da empresa a fai imposíbel lograr un acordo que dignifique as condicións laborais do persoal, segundo denuncia o comité de empresa, integrado por CIG, CCOO e UGT.
Os contactos arrincaron en outubro, e neste tempo os avances foron “practicamente inexistentes”, sobre todo en cuestións tan importantes como o cuadrante anual. “Precisamos un cuadrante anual para distribuír mellor os descansos e evitar que os empregados/as teñan que traballar até 11 días seguidos como acontece na actualidade”, sinalan. Tamén existe unha problemática sen resolver a respecto das funcións de limpadoras/es e especialistas, “porque moitas limpadoras/es están a facer funcións de especialista e non se lles está a abonar o plus”.
Fan fincapé ademais nas diferencias que existen na cuestión económica, xa que consideran que a última oferta da empresa é directamente un insulto. “Propoñen un plus anual de 120 euros para 2022; de 180 para 2023; e de 240 para 2024. Pero a metade deste complemento está ligada ás baixas do persoal, xa que no caso de que collan máis de 30 días ao ano, media que vén sendo habitual pola penosidade do traballo que desenvolven, só cobrarían a metade”. Polo que unha persoa que estea de baixa máis de 30 días este ano só vai ingresar 60 euros deste complemento. No caso de que a baixa sexa inferior a 30 días a redución será proporcional.
Finalmente, inciden en que o que pretende a parte social é que se recoñeza o traballo que fan as limpadoras/es, “que teñen que estar en contacto moitas veces con pacientes con enfermidades contaxiosas, especialmente durante a pandemia, na que este servizo foi considerado esencial”.