O persoal de de investigación biomédica e medicina xenómica mobilizarase pola negociación do convenio único
Nacional -
O persoal das fundacións públicas de investigación biomédica (INIBIC, FIDIS e Fundación Biomédica Galicia Sur) e da Fundación pública de medicina xenómica concentrarase os días 2 de outubro e 16 de outubro para reclamar o inicio das negociacións para o novo convenio único que regule as condicións laborais deste colectivo dependente do SERGAS. As protestas, convocadas polos respectivos comités e a CIG-Saúde, realizaranse de xeito simultáneo ás 11:00h na Coruña (no Hotel de Pacientes), en Santiago de Compostela (na entrada principal do Hospital Clínico) e en Vigo (na entrada principal do Hospital Álvaro Cunqueiro).
Recentemente as fundacións de investigación biomédica foron integradas no sistema público baixo dependencia do SERGAS, de tal xeito que o seu persoal adquire a mesma condición de persoal laboral público dependente do SERGAS que o da Fundación de Medicina Xenómica. Estas fundacións contan cun convenio laboral vencido en decembro do 2022 e prorrogado nestes anos ante a negativa da administración a sentarse a negociar un novo.
Este persoal, responsábel de toda a investigación que se realiza no eido da sanidade pública galega, segue tendo unha diferenza importante nas retribucións co resto do persoal do SERGAS, non ten dereito á carreira profesional e se lles nega o dereito ao cobro de trienio, como ao resto do persoal público.
Ademais, no caso da Fundación pública de medicina xenómica, esta nunca tivo un convenio propio que regule as súas condicións laborais, xa que sempre foi adherida a outro convenio coa promesa de negociar “máis adiante” o seu, aínda que isto nunca sucedeu. Mentres tanto, este persoal segue sen ter condicións laborais equiparadas ao do persoal estatutario do SERGAS, cuns salarios inferiores, sen acceso á carreira profesional e sen recoñecemento do traballado no resto da administración pública para cobrar os seus trienios.
Por todo isto, os Comités destas Fundacións esíxenlle á Consellería de Sanidade constituír xa a mesa única de negociación de convenio. A representación do persoal instou en varias ocasións a Consellería de Sanidade a que sentara negociar o novo convenio, de xeito que sexa común para as catro Fundacións, xa que son o persoal laboral dependente do SERGAS que ve como se lles nega o dereito a mellorar as súas condicións laborais, creando agravios co resto do persoal desta administración.
Paralelamente estes comités xa solicitaron reunión cos patronatos das fundacións sen que a día de hoxe se obtivera resposta.