O persoal de Quirón Prevención que traballa en Navantia irá á folga por melloras salariais e laborais

O paro afecta tamén á subcontrata Servicios Sanitarios del Cantábrico

Ferrol -

A representación do persoal de Quirón Prevención en Ferrol e da súa subcontrata, Servicios Sanitarios del Cantábrico, anunciou este martes en rolda de prensa a convocatoria de folga para demandar que se cumpra a lei en materia salarial, se faciliten os calendarios laborais coa antelación debida e se entreguen os EPI. A folga está convocada para este mércores 12 de marzo e afectará aos preto de 100 traballadores e traballadoras adscritas aos centros de Navantia Fene e Navantia Ferrol.

O comité reclama que se lle aplique o convenio provincial do metal ao persoal técnico de prevención e do sector sanitario de Quirón Prevención, así como a equiparación salarial para o persoal técnico de emerxencias sanitarias, xa que tampouco cobran o plus do naval. Esta reivindicación, lembrou o comité, enmárcase na demanda que as centrais sindicais están realizando para que todo o persoal de auxiliares que traballa dentro dos estaleiros de Navantia perciba os acordos salariais recollidos no convenio do metal.

Xunto a isto, reclaman melloras nos contratos fixos-discontinuos “porque as súas condicións están estancadas” e que se entreguen con suficiente antelación os calendarios laborais “porque non hai nada asinado por ningún traballador/a”. Esta situación, engaden, afecta especialmente ao persoal eventual e fixo-discontinuo “que recibe o seu calendario laboral o venres de cada semana” e non coñece con anterioridade o seu horario de traballo.

Outra das demandas deste folga, aínda que pareza paradoxal “nunha empresa que leva prevención por nome”, refírese á entrega dos equipos de protección individual “de forma regulamentaria e acordada co comité”.

Coincidindo co arranque do paro indefinido, está convocada unha reunión coa empresa “pero non vemos que haxa intención de mellorar en ningunha das nosas reivindicacións”. A representación do persoal apuntou que as accións e mobilizacións a desenvolver no contexto de folga iranse acordando en asemblea co persoal e prolongaranse até “que haxa unha solución coa empresa”.

Volver