O persoal do Diario de Pontevedra: “A vosa avaricia tamén é noticia!”

Traballadores/as do xornal manifestáronse polas rúas da cidade por unhas condicións de traballo dignas

Pontevedra -

Traballadores/as do Diario de Pontevedra e veciños/as da Boa Vila percorreron onte o centro da cidade en manifestación ao berro de “A vosa avaricia tamén é noticia” para reclamar un convenio colectivo digno tras sete anos cos salarios conxelados. A partir do día 22 teñen convocada unha folga indefinida no caso de que o grupo El Progreso, do que fai parte o xornal, non acceda a pactar unha mellora das súas condicións laborais.

Esta mesma tarde está prevista unha nova xuntanza entre o comité e a empresa para continuar coas negociacións do convenio colectivo, xa que até o de agora o acordo foi imposíbel pola proposta totalmente insuficiente achegada dende a dirección: unha suba media do 1,1% para 2022, sen ter en conta os sete anos seguidos de conxelación salarial. Tras esta proposta a compañía suspendera unilateralmente as reunións tras meses de conversas, polo que o cadro de persoal decidiu en asemblea iniciar un calendario de mobilizacións que se iniciou o pasado 30 de novembro cunha concentración.

Dende a representación sindical, con maioría da CIG, lembran que os salarios non se actualizan dende 2015, o que supón unha perda de poder adquisitivo que supera o 22% tras as distintas subas do IPC. “A actual inflación coloca as empregadas/os nunha situación límite en moitos casos”, lamentan. Por iso o seguinte paso, no caso de que as negociacións coa empresa non avancen, será o inicio dunha folga indefinida a partir do vindeiro día 22.

Pero onte tocou levar o conflito laboral ás rúas para visibilizar a problemática que padecen os traballadores/as. Deste xeito, percorreron o centro da cidade berrando consignas como “Pontevedra, escoita, o Diario está en loita”, “Convenio digno, salario xusto”, “Isto non é Progreso, é un retroceso” ou “Menos autobombo e súbenos o soldo”. A marcha partiu da praza da Peregrina ás 20:00 horas e finalizou no mesmo lugar tras percorrer as principais vías do centro.

Ao remate da mobilización deuse lectura a un comunicado no que se facía fincapé no feito de que hoxe, por primeira vez, os traballadores/as do Diario de Pontevedra tiveron que parar para contar a súa propia historia, a súa propia realidade. “Precisamente este ano, que nos tocou falar da inflación, da suba dos prezos das materias primas, da carestía dos combustibles e da escalada salvaxe dos prezos das enerxías, moitos/as de nós comezamos a decatarnos de que o problema que padece todo o mundo, nas nosas casas, nas nosas familias, ten aínda unha peor cara”.

Máis dun ano de ERTE

Neste contexto, denuncian, Lérez Ediciones (empresa editora do xornal), leva sete anos sen actualizar os salarios. “Nada, nin sequera o equivalente ao IPC cando este apenas flutuaba, como en 2016, que só subiu un 1,6%, ou como en 2018, ano no que non se acadou nin sequera esa cifra”.

Lembran que a negociación do convenio remóntase a 2019, “pero entón foi a pandemia da covid a que nos golpeou; coa renovación do convenio sobre a mesa sen resolver, e sendo declarada a prensa actividade esencial, Lérez Ediciones meteunos nun ERTE que nos obrigou a suspender todo”.

Dende entón sentáronse coa empresa cada vez que foron convocados/as, “e sempre respondemos avisando de que a situación era moi mala, ante as cicateiras propostas que nos trouxeron; propostas que non podemos chamar migallas, faragullas, nin calderillas, porque nin ese nome merece ofrecerlle pouco máis dun 1% de suba salarial a quen perdeu nestes sete anos un 22% do seu poder adquisitivo e a quen vén de aturar máis dun ano de ERTE mantendo os niveis de produción, en moitos casos desde os seus fogares e poñendo os seus propios medios”.

Volver