O persoal de Navantia toma as rúas de Ferrol para exixir avances reais na negociación do convenio

Ferrol -

Os traballadores e as traballadoras de Navantia continúan co calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno, máis carga de traballo, emprego e un plan industrial que garanta os investimentos necesarios para dotar de futuro os estaleiros da ría de Ferrol. Este mércores o persoal manifestouse dende a porta da áncoras coincidindo cunha nova reunión da mesa de negociación do convenio en Madrid.

A manifestación partiu por volta das 7:30h de Navantia cara ao porto, seguiu polo centro de Ferrol até a Casa do Concello, onde o persoal foi atentido polo alcalde, e continuou cara ao edificio da Xunta de Galiza, onde os recibiu a delegada. 

Presión para avanzar nun acordo satisfactorio

O secretario do comité, Marcelino Amado, explica que ante a proximidade do período vacacional, "que deixa pouca marxe para decidir co conxunto do cadro de persoal", e que os avances "non están a cumprir coas expectativas xeradas a pasada semana", as mobilizacións mantéñense coa mesma intensidade que até o de agora, co obxectivo de darlle un pulo real ás negociacións e acadar un acordo de convenio que responda ás reivindicacións sociais.

As negociacións do novo convenio iniciáronse hai máis de dous anos e a parte social reclama cuestións básicas como o sistema de promocións, o plan de saídas,  a publicación dos niveis salariais dos grupos 1 e 2, axilizar as incorporacións e mellorar as condicións do novo persoal, avanzar na redución da xornada ás 35h, ou melloras nas licencias, flexibilidade, conciliación, etc.

No relativo ao plan estratéxico, reclaman que se fagan investimentos cruciais para o futuro das instalacións como o dique de reparacións e o dique de novas construcións, dotar de máis carga de traballo aos estaleiros e crear novos postos de traballo na comarca.

Volver