O persoal da limpeza da UdC para para exixir melloras laborais e salariais

A Coruña/Ferrol -

Persoal da limpeza da Universidade da Coruña iniciou este xoves mobilizacións para reclamar condicións de traballo dignas cun paro de dúas horas no campus coruñés e un paro dunha hora no campus de Ferrol. Ademais desenvolveron unha concentración diante do Reitorado para reclamar que se cumpran os compromisos adquiridos pola institución no ano 2023, cando o persoal deste servizo foi internalizado a través da FUAC.

A presidenta do comité, Verónica Bermejo, criticou que a universidade “non quere sentar a negociar con nós as melloras salariais e laborais” e denunciou a sobrecarga de traballo que ten realizar o persoal pola redución de postos de traballo.

“Dixéronnos que íamos estar mellor que coas empresas contratistas, que íamos ter incluso un convenio propio, pero o que vemos é todo o contrario: houbo despedimentos, sancións, persecución a traballadoras e amortización de postos de traballo. O que supón unha sobrecarga para o persoal que queda porque o traballo a realizar segue sendo o mesmo”, denunciou Bermejo.

Lembrou que xa durante o proceso de subrogación como persoal propio, a universidade non incorporou ao servizo a un delegado sindical da CIG “ao que despois tiveron que readmitir porque o xulgado declarouno como despedimento nulo”.

A presidenta do comité apuntou que con estes paros e a concentración “o que reclamamos da universidade é que cumpra con esas promesas de conseguir melloras, que non son outras que as condicións que xa teñen as limpadoras da Universidade de Santiago, que están equiparadas ao persoal auxiliar de conserxería da propia universidade”.

“Non somos persoal de terceira, somos persoal da comunidade universitaria igual que o resto de colectivos laborais”, aseverou. Rexeitou o menosprezo clasista que persiste sobre os traballos de limpeza e acusou a universidade de “nin sequera contar con nós para os simulacros de incendios ou para avaliar e tomar medidas de protección nos edificios afectados polo radón”.

Volver