Persoal Civil de Defensa prosegue coas mobilizacións para exixir melloras salariais

Concentráronse diante do Arsenal de Ferrol na véspera da xuntanza convocada ministra “sen orde do día”

Ferrol -

Persoal Civil de Defensa concentrouse esta mañá diante do Arsenal de Ferrol para revidindicarlle ao Ministerio que aplique melloras salariais como xa lle aplicou ao persoal militar. Esta é terceira mobilización que as traballadoras e traballadores realizan diante do Arsenal dende maio e a CIG fai un chamado a continuar coas medidas de presión, xa que “é o instrumento máis valioso para conseguir o noso obxectivo”.

Foi precisamente a mobilización activa do persoal a que conseguir arrancar avances ou posicionamentos do Ministerio e que a levou a que haxa unha convocatoria de reunión con Margarita Robles para este venres 17 de outubro en Madrid. Porén, advirte a representación da CIG, esta convocatoria “realízase sen unha orde do día dos asuntos a tratar”, polo que a central nacionalista segue adiante co calendario de protestas “mentres non haxa unha masa salarial enriba da mesa que sexa obxecto de negociación”.

“A diferencia do resto de sindicatos que conformamos a Mesa Xeral, a CIG ten claro que conseguir reunións coa ministra non é un obxectivo en si mesmo, senón que estas reunións deberían ser o normal na xestión dun proceso de conflito laboral como é este, sempre e cando sexa unha negociación de boa fe”.

O próximo luns, 20 de outubro, ás 11:00h, haberá no Arsenal unha asemblea informativa para dar conta da reunión coa ministra e avaliar os pasos a seguir “segundo o novo escenario da situación”.

O persoal leva meses mobilizándose en resposta á discriminación que está a sufrir “xa que mentres se están a destinar partidas millonarias para aumentar os salarios do persoal militar e adquirir equipamentos militares coas tecnoloxías máis avanzadas, o persoal civil público non ve nin un só céntimo dun aumento orzamentario sen precedentes para Defensa, relegándonos ao nivel salarial máis baixo de todos os Ministerios da Administración Xeral do Estado”.

Volver