Persoal de DomusVi Ferrol mobilízase en demanda de condicións laborais dignas
Ferrol -
Traballadoras da residencia DomusVi Ferrol concentráronse este martes para demandar que se respecten os seus dereitos laborais e denunciar as condicións precarias nas que teñen que desenvolver o seu traballo. A protesta realizouse diante do centro residencial situado na Avenida do Esteiro e na mesma clamouse contra a explotación laboral.
Nos últimos anos, a representación da CIG (maioritaria na empresa) denunciou diante a Inspección de Traballo todos os incumprimentos e irregularidades cometidos pola empresa: recoñecemento da categoría profesional, denegación de permisos retribuídos, reclamación das antigüidades de parte do persoal, "e un sen fin de condutas que contribúen ao padecemento dunhas condicións psicosociais nefastas", subliña Beatriz Fernández, responsábel de residencias privadas da CIG de Ferrol.
Fernández denuncia a precariedade na que está a traballar o persoal desta residencia, "con sobrecarga de traballo e modificacións constantes de horarios que imposibilitan a conciliación da nosa vida familiar, cuestións que ás responsábeis desta empresa, pouco ou nada lle importan".
A representante sindical faise eco do malestar que existe entre as traballadoras e traballadores a causa da actitude da dirección e a organización do centro, onde," lonxe de tentar buscar un clima axeitado de traballo, están a forzar as traballadoras a soportar unha carga de traballo e un nivel de estrés, non só físico, senón tamén psicolóxico inaceptábel".
Por iso, acordaron realizar hoxe esta concentración, e xa adiantaron que continuarán a mobilizarse "pola dignificación do noso traballo, porque estamos fartas de aturar unhas condicións de precariedade e de que, por enriba, a empresa non respecte os nosos dereitos".
A este respecto, Beatriz Fernández, critica a hipocrisía de DomusVi "que pretende ser un referente no sector das residencias de maiores, pero a conta da explotación laboral do seu persoal". Unha explotación que repercute de maneira directa na atención e nos coidados que se prestan ás persoas usuarias, que ademais "viron incrementado o custe da factura mensual nun 10,1% desde o 1 de xaneiro".
Ao tempo, con esta protesta, o comité de DomusVi Ferrol quere denunciar "que a Xunta non está a exercer o labor inspector que debera, permitindo estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan os coidados e converten a atención ás persoas maiores nun privilexio".