Persoal de Intelcia mobilízase contra a precariedade laboral e os despedimentos
A empresa presta servizos de atención á clientela para Abanca
A Coruña -
Persoal de Intelcia, subcontrata de Abanca, realizaron dúas concentracións este martes na Coruña para denunciar a precariedade laboral e os despedimentos aplicados pola empresa nas últimas semanas. A primeira das concentracións desenvolveuse diante das oficinas de Intelcia e a seguir o persoal levou as súas reivindicacións até a Oficina Principal de Abanca na Rúa Nova, para sinalar que a entidade financeira “é a responsábel das condicións precarias nas que prestamos o servizo”.

Esther Rey, do comité de empresa, explicou que Intelcia se fixo con este servizo hai ano e medio "e dende que se produciu a subrogación houbo moitos problemas para que nos mantiveran os dereitos adquiridos, problemas para coller os permisos, coas horas médicas, no cálculo das nóminas, etc.”
A isto engádese a falta de formación “que impide que a actividade se poida realizar correctamente”, un exceso de carga de traballo “que cada día vai a máis” e unha maior precariedade nas novas contratacións pola falta de estabilidade. “Temos a sensación de vivir constantemente na corda frouxa. Non só as persoas de nova incorporación, senón tamén as que xa levamos tempo realizando este servizo”, criticou Rey.

Pero a gota que colmou o vaso e levou ao comité a convocar estas concentracións foron os despedimentos executados por Intelcia nas últimas semanas “entendendo que así reducen custes”. "Aínda que a propia empresa recoñece que hai motivacións económicas porque perdeu tres campañas importantes, pretende disfrazar estes despedimentos con motivos disciplinarios, atentando contra a dignidade e integridade do persoal, xa que alegan unha chea de mentiras e feitos que non son reais".
Intelcia presta servizo de atención á clientela de Abanca (banca electrónica, banca telefónica, seguros, tarxetas e prevención de fraude) e nesta campaña traballan máis de 200 persoas, das que unhas 150 están nas oficinas da Coruña e o resto en Vigo, onde tamén se produciron despedimentos.