Persoal de Mercadona concéntrase diante da tenda de Nigrán contra os abusos e ameazas que sofre
A CIG-Servizos convoca unha nova concentración en Vigo o vindeiro 12 de setembro, nos supermercados que a cadea ten en Travesas e Florida
Nigrán -
Traballadoras e traballadores de Mercadona, acompañados pola CIG-Servizos, concentráronse esta mañá diante do supermercado que a cadea ten en Porto do Molle, Nigrán, para denunciar as faltas de respecto, berros, insultos, persecucións e illamento que sofre o persoal día a día.
Segundo explica Verónica Pérez Rodríguez, secretaria da sección sindical da CIG na empresa e delegada do Comité provincial, desde febreiro deste ano veñen solicitando a Mercadona unha xuntanza para tratar de resolver esta problemática. Unha demanda diante da que a empresa “mira para outro lado e non pon medios para corrixilo”.
Afirma que esta situación “é un segredo a voces” e que este é o día a día nos centros de traballo “onde a situación de abusos e gritos normalízase, onde a coacción e a ameaza prima por riba dunha relación laboral san”.
A delegada da CIG denuncia que as coordinadoras e coordinadores utilizan “para facer valer a súa posición” a pregunta de “por onde queres ir, se por modelo ou por convenio” e que “exercen o seu poder para humillar publicamente o persoal diante das e dos compañeiros e mesmo diante da clientela”. Un trato que a CIG-Servizos cualifica de “vexatorio” e “constante” por parte da xerencia e das persoas encargadas ao conxunto do cadro de persoal.
A este respecto, a CIG-Servizos explica que o “modelo” son os métodos cos que a empresa regula a forma de facer as cousas nos centros de traballo que “ás veces, é mesmo contrario ao convenio”.
Presión ás traballadoras de baixa
Esta situación vese agravada cara as persoas que están en IT, que reciben de forma constante “chamadas e mensaxes de WhatsApp por parte da máxima responsábel deste centro día si e día tamén”.
Neste sentido, a CIG-Servizos salienta que cando unha persoa causa baixa por IT, recibe de forma inmediata unha chamada de da responsábel acusando a traballadora de “deixala tirada” ou “ti saberás canto estás de baixa”. Nesas “mensaxes insistentes”, a encargada do centro de traballo, “procura recibir información sobre tratamentos médicos, datas de probas ou citas médicas, causando unha maior presión ás persoas traballadoras enfermas”.
A esta forma de actuar por parte da coordinadora do centro ante as persoas enfermas e en IT, a CIG engade o acoso que realiza a médica da empresa “chamando periodicamente ás traballadoras e traballadores en IT, solicitando copias de informes médicos do SERGAS, días e horarios de citas ou probas”.
Campaña de mobilizacións
Esta mobilización insírese, ademais, na campaña que a CIG-Servizos está desenvolvendo baixo o lema “Un segredo a voces!”, porque esta situación non é illada na empresa de Juan Roig.
Por iso a CIG como sindicato máis votado na provincia de Pontevedra, advirte que continuará denunciando dentro e fóra da empresa este tipo de prácticas, prestando asesoramento ás persoas traballadoras e realizando o traballo sindical pertinente para combater estes abusos. “Un traballo no día a día, cun único obxectivo: facer que Mercadona deixe de acosar as persoas traballadoras e sexa un lugar seguro onde traballar”, conclúe.