Traballadoras das residencias privadas de maiores: "estamos cansadas de ser explotadas"

As protestas por un convenio digno chegan ao centro DomusVi de Outeiro de Rei

Nacional -

Traballadoras e traballadores das residencias privadas da terceira idade continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo que dignifique as condicións laborais e salariais. Nesta ocasión, a protesta, convocada pola CIG, desenvolveuse en Outeiro de Rei (Lugo) diante da residencia DomusVi, xa que esta é unha das principais empresas do sector e a que controla a mesa de negociación pola parte patronal.

Estas mobilizacións, que se realizarán nas sete comarcas,  son a resposta das traballadoras e traballadores á insuficiente proposta presentada pola patronal que, logo do non rotundo das asembleas á súa última oferta, deu por rotas as negociacións.

O secretario da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, Xoán Díaz, denunciou durante a concentración que a proposta da patronal non suporía ningún avance a nivel económico -de feito as categorías máis baixas seguirían quedando por debaixo do SMI-, e nin sequera permitiría recuperar o poder adquisitivo que as traballadoras perderon tras a sinatura do anterior convenio por parte de UGT e CCOO (2020-2023), ao contemplar subas salariais por debaixo do IPC real.

Xunto ao empobrecemento dos soldos, Díaz critica que a oferta patronal tampouco recolle avances suficientes nas condicións sociais do persoal. A este respecto, subliña que a CIG levou adiante unha campaña para reclamar a equiparación das condicións laborais coas que existen nas residencias de xestión pública e para reclamar un aumento das ratios de persoal, pois aínda que na práctica realizan o mesmo traballo, o persoal das residencias privadas ou privatizadas "padece unha condicións de auténtica explotación".

Díaz tamén lembrou que a CIG promoveu unha Proposta Non de Lei de Iniciativa Popular para instar a Xunta de Galiza á creación dun sistema galego de atención ás persoas, 100% público, integrando todos os servizos e baixo un único convenio colectivo negociado coa administración galega, rachando así co modelo privatizador do PP que entende os coidados como unha mercadoría para maior beneficio de grandes multinacionais e fondos de investimentos. Porén, o PP valeuse da súa maioría absoluta para rexeitar no Parlamento esta iniciativa da CIG.

Continúa o calendario de mobilizacións

Así as cousas, a CIG continuará co calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno con salario xustos e a próxima concentración será o mércores 20 de novembro, en Ferrol, diante da residencia DomusVi (Avenida de Esteiro 49-51) ás 11:00 horas.

O 27 de novembro, a concentración será en Santiago; o 4 de decembro na Coruña; o 11 de decembro en Vigo; e o 18 de decembro, Ourense.

Volver