O persoal da piscina municipal e monitor do polideportivo das Pontes irá á folga ante os incumprimentos laborais
O paros laborais desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de maio e 2, 4 e 5 de xuño
As Pontes -
O persoal da piscina municipal das Pontes e do polideportivo, servizos xestionados por ServiplusTotal, acordou ir á folga en resposta aos reiterados incumprimentos da empresa no pago dos salarios, a xornada laboral, os descansos semanais, o goce das vacacións e mesmo a entrega da roupa de traballo. A folga desenvolverase os días 27, 28 e 29 de maio e 2, 4 e 5 de xuño, de 09:30h a 11:30h na quenda de maña, e de 17:30 a 19:30h na quenda de tarde.
Porén, de non achegárense solucións por parte da empresa e do Concello das Pontes (como responsábel do contrato de xestión), a folga afectará a toda a xornada laboral en ambas instalacións municipais e pasará a ter carácter indefinido.
Os atrasos no cobro dos soldos véñense producindo dende hai tempo e, a día de hoxe, o persoal aínda non percibiu a nómina de abril, cando o convenio colectivo de instalacións deportivas estabelece como data máxima de abono o segundo día do mes.
A isto súmase que a empresa non elabora os calendarios laborais en tempo e forma; non respecta o descanso semanal e os festivos (hai persoas que non descansan os dous días ininterrompidos que marca o convenio); os calendarios de vacacións non se confeccionan en tempo e forma; e nin sequera se facilita a roupa de traballo cando toca, nin se dá a axuda anual para contribuír a adquisición das pezas ou accesorios non comprendidos no equipamento básico.
Todos estes incumprimentos xa foran postos en coñecemento do Concello das Pontes por parte da CIG e da representación do persoal, sen que se puxera solución. A situación agrávase agora, toda vez que ServiplusTotal xa anunciou a súa intención de abandonar o servizo.
Ante a posibilidade de que entre unha nova compañía, a representación do persoal dirixiuse no día de onte por escrito ao alcalde das Pontes para demandar un compromiso de que, ou ben ServiplusTotal ou ben a nova empresa, asumirán o pago das débedas contraídas co persoal.
“Non sería de recibo que nun servizo municipal, que en teoría o Concello das Pontes paga rigorosamente, o persoal quedase sen o salario gañado polo traballo feito a causa da mala xestión empresarial”, salienta Xoán Galdo, secretario de Organización da CIG de Ferrol. E neste senso, unha vez coñecida a nova adxudicataria, solicita unha reunión a tres bandas para garantir que se respectan os dereitos laborais e se dá un servizo de calidade ás persoas usuarias destas instalacións.