A CIG recoñece a loita das traballadoras do SAF de Ponteareas co ‘Premio 8 de Marzo’
Sostiveron unha folga durante 68 días contra a precarización laboral, os incumprimentos da empresa e o menosprezo do Concello
Nacional -
A CIG recoñeceu este venres co ‘Premio 8 de Marzo’ ás compañeiras do SAF de Ponteareas pola súa exemplar loita pola dignificación do traballo dos coidados fronte a un modelo de xestión externalizado e sometido a unha licitación a baixo custo que comprometía os dereitos laborais e a calidade da atención ás persoas usuarias.
No acto de recoñecemento, Lucía Freire, membro da Executiva Confederal e da Comisión Nacional de Mulleres da CIG, salientou a heroica resistencia dunhas traballadoras que, partindo dunhas condicións precarias e infravaloradas a pesares da importancia das tarefas que realizan, sostiveron unha folga durante 68 días na defensa dos seus dereitos e por un servizo público decente, confrontranto o menosprezo e a prepotencia da alcaldesa e do seu equipo de goberno, os ataques nas redes sociais e a manipulación en medios para tentar deslixitimar a súa xusta loita.
“Foi un conflito protagonizado por un cadro de persoal feminizado e precarizado, que sostivo unha mobilización longa, visibilizou a realidade do SAF, activou vías institucionais e xurídicas, e obtivo resultados que melloran as condicións das traballadoras e as garantías do servizo que se presta ás persoas máis vulnerábeis”, salientou.
Denunciou Concello de Ponteares “xogou co pan destas traballadoras ao pór o servizo en mans dunha empresa rexentanda por mafiosos explotatores chamada ÓBOLO”, sacando a licitación, , uns pregos por baixo do prezo de mercado, malia as advertencias das traballadoras. As consecuncias foron inmediatas: atrasos e erros no pago das nóminas, problemas de cotización á Seguridade Social, ausencia de rexistro de xornada, deficiencias en prevención de riscos e carencias materiais que afectan ao traballo das auxiliares e ao funcionamento do servizo.
“Un conflito exemplar sen antecedentes semellantes na vila da Ponteareas e na Comarca do Condado e despois de 68 días de folga estas mulleres conseguiron que se lles pagaran as nóminas pendentes, que se regularizaran as cotizacións e que se cumpran as condicións mínimas legalmente establecidas”, resaltou Freire.
Feministas e combativas
A este respecto, lembrou que o lema escollido pola secretaría das Mulleres para este 8 de Marzo foi “Feministas e combativas, en loita pola nosa dignidade”, precisamente para subliñar a orixe reivindicativa e de clase que deu orixe a esta data.
Freire denunciou que as mulleres continuamos a ter peores condicións, salarios máis baixos, e máis temporalidade e parcialidade, que agrandan a fenda salarial até o 17,7%; que as mozas galegas con estudos superiores vense obrigadas a emigrar por non atopar un traballo digno acorde coa súa formación; e que en Galiza, as pensiónas das mulleres son un 33% inferiores ás que perciben os homes.
A isto súmase a falta de recoñecemento de doenzas relacionadas con continxencias profesionais e a inexistencia de coeficientes reductores en sectores altamente feminizados; e que as traballadoras do fogar seguen estando fóra do sistema ordinario da Seguridade Social.
Amais, as políticas privatizadoras e de recortes do servizos públicos non só precarizan as condicións das traballadoras destes sectores, senón que inciden no rol de coidadoras das mulleres. Relacionado con isto, destacou que só o 8% dos homes goza de licenzas por coidado; é dicir “seguimos sendo as mulleres as que asumimos os coidados de xeito gratuíto”.

