Centos de traballadores e traballadoras do transporte en autobús exixen que se respecte o resultado das votacións
Manifestáronse en Compostela para reivindicar un convenio colectivo digno e rexeitar a traizón á vontade expresada polo sector contra o acordo
Centos de traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros/as por estrada manifestáronse este domingo polas rúas de Compostela para exixir un convenio colectivo digno e denunciar a traizón de UGT e CCOO ao sector, asumindo a premisa empresarial de reeditar un acordo que foi desbotado en referendo polo 70% do persoal.
A manifestación, que partiu da estación intermodal de Santiago e rematou na Praza do Toural, estivo encabezada por unha faixa cunha mensaxe clara dirixida á patronal e aos sindicatos estatais: “exiximos respecto ao resultado das votacións, convenio digno”, en referencia ao rotundo rexeitamento do acordo asinado no marco da mediación, que recibiu a oposición de 831 persoas traballadoras no referendo celebrado o 4 de febreiro. Un referendo que, hai que salientar, era vinculante para todas as partes.
Pero a consigna fai tamén alusión á manobra que ao inicio desta mediación perpetraron a patronal, UGT e CCOO, coa complicidade do CGRL, para alterar, sen ningún tipo de validación, a maioría da representatividade que ostentaba a CIG no sector da provincia da Coruña e decidir así á marxe da central nacionalista.
Por iso, máis unha vez, quíxose denunciar, o despropósito que está significando todo o acontecido no proceso de mediación do punto de vista formal, na que non existiu unha negociación real e na que se alonga o conflito para castigar o persoal e imporlles un acordo que non queren “por lesivo, omisivo e insuficiente”.
“Pero este sector espertou, medrou en organización e en capacidade e iso era algo co que non contaban”, afirmou Ernesto López Rei, representante a CIG na mesa de negociación, quen cualificou “esta manifestación como o primeiro acto do próximo convenio. Aquí non remata o conflito, rematará a folga cando asinen o acordo, pero a loita continúa de aquí ao seguinte convenio digno, que está a volta da esquina”.
Precariedade do persoal acompañante
Na manifestación deste domingo, o persoal acompañante do transporte escolar portaba tamén a súa propia faixa demandado avances nas condicións de traballo, altamente precarizadas e que aínda empeoran con este acordo, tal e como denunciou, Nieves Paz, ao remate da protesta.
A delegada do persoal advertiu que se están recortando salarios e dereitos nun colectivo “que xa partimos de salarios e xornadas reducidas” e no que, en moitas ocasións, “nin sequera se recoñece o tempo real de traballo” e as contratacións se fan a través de ETT e non da empresa de transporte que presta o servizo. Fronte a isto, reivindicou condicións dignas, que se respecten os dereitos e se recoñeza a responsabilidade social do traballo que realizan.
Un sector que quere avanzar en dereitos
Neste senso, Hugo Antunes, delegado nos autobuses urbanos de Compostela, incidiu en que “hoxe estamos aquí por dignidade” e para que se escoite a vontade manifestada polas persoas traballadoras que non queren o acordo que hai enriba da mesa. “Porque engade obrigas, elimina dietas, aumenta responsabilidades e iso non é avanzar é facer que retrocedamos mentres nos din que é un progreso”, aseverou.
Antunes subliñou que esta loita ten como obxectivo avanzar en dereitos, “non retroceder. Loitamos porque esta profesión merece un respecto, porque sen nós, nada se move, porque cada quilómetro que facemos sostén un país enteiro”. E puxo en valor a unión do persoal, que está demostrando que xa non admite tutelaxes, nin prácticas de entreguismo sindical ante a mafia patronal que controla este sector.

