Rematan sen acordo as negociacións do ERE en Einsa Print
As Pontes -
Os traballadores e as traballadoras de Einsa Print, que están en folga indefinida, trasladáronse hoxe até Santiago de Compostela para mobilizarse en contra do ERE que a empresa quere aplicar na planta das Pontes. A concentración fíxose diante da sede do Consello Galego de Relacións Laborais, xa que aquí é onde se están a celebrar as reunións do período de consultas, que rematou hoxe sen acordo e despois dun receso que prolongou as conversas até a tarde.
A empresa negouse taimudamente a ampliar as negociacións do ERE malia as peticións neste sentido do comité e do persoal, co obxectivo de buscar unha alternativa aos despedimentos que garanta a continuidade dos postos de traballo e da actividade produtiva. Aínda así, o persoal non se resigna e seguirá pelexando e realizando as xestións necesarias para evitar que a empresa aplique o ERE.
Na última xuntanza, a empresa incrementou as indemnizacións até os 28 días cun tope de 14 mensualidades (un pouco por enriba do que marca a lei), aumentou o plan de viabilidade até xuño de 2026 e formulou unha rebaixa de 9 despedimentos, deixando un total de 123 persoas afectadas polo ERE. Unha cifra que segue sendo inasumíbel. Neste punto, explica Daniel Pena, presidente do comité, a parte social pediulle á empresa que, se quere voluntariedade no expediente, mellore as saídas das persoas maiores de 55 anos (cuxa afectación estipula nun máximo do 15%) e que incrementara as mensualidades das indemnizacións.
Con estas propostas enriba da mesa, os avogados de Einsa pediron de prazo até as 18 horas para contestar, aínda que finalmente o período de consultar rematou sen acordo.
Einsa foi a primeira empresa en instalarse no Polígono de Penapurreira ao abeiro dos plans de desenvolvemento do ano 1997 tras o peche da mina e agora pode ser a primeira en pechar, afondando así o desmantelamento industrial e a perda de emprego que sofre a localidade das Pontes no marco dunha transición que está a ser unha auténtica demolición.
Hai que subliñar que na actualidade Einsa Print é a empresa que conta con maior número de postos de traballo nas Pontes e executar o ERE suporía destruír máis de 120 empregos e comprometer a serio o futuro da planta xa que non ten un plan de viabilidade para adaptar as instalacións nin buscar nova carga de traballo.