Representantes do transporte sanitario non urxente reúnense co BNG no Parlamento

Trasladaron a preocupación do persoal do sector ante o novo concurso e os posibles recortes

Nacional -

Representantes dos traballadores e traballadoras das ambulancias do servizo de transporte sanitario non urxente reuníronse con Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento galego para explicar a situación do sector ante a fin do concesión actual e a prórroga de seis meses anunciada polo SERGAS.

Na xuntanza, na que participaron Javier Eiras como delegado da CIG en Ambulancias Pontevedra, Jesús Abades como delegado da CIG en Ambuibérica e Xesús Pastoriza, Xavier Aboi e Inácio Pavón pola FGAMT-CIG, manifestaron a preocupación dos traballadores e traballadoras do sector ante a posibilidade de reducir servizos en diálises e rehabilitacións, pola falla de financiamento e pola falla de diálogo coa administración sobre as alternativas que melloren un servizo público como este, básico para a comunidade, tal e como se demostrou coa crise do covid-19.

Os representantes da FGAMT-CIG critican ademais o escurantismo da administración cando a concesión caducou en agosto e foi polas empresas que se coñeceu a prórroga e nen sequera están claras as condicións nen o financiamento co que conta para facer frente á suba do convenio no mes de novembro. De feito as empresas veñen de solicitar unha comisión paritaria do convenio colectivo para tratar esta cuestión. A FGAMT-CIG manifesta que non se vai permitir de ningunha maneira que non se pague o recollido no convenio, froito dunha folga de meses.

Xa no pasado mes de xuño e xullo se realizaron mobilizacións de traballadores e traballadoras de ambulancias, e tamén de doentes, ante o risco de recortar servizos como diálises, determinados tratamentos e rehabilitacións para pasar a realizarse en taxis ou VTC, vehículos estes que non teñen as condicións mínimas para estes desprazamentos nen contan con persoal titulado como si ocorre coas ambulancias. Medida que á larga nen suporía un aforro e que empioraría gravemente as condicións do servizo e eliminaría postos de traballo. Daquela o Xerente do Sergas adquirira o compromiso de manter unha reunión coa representación sindical, convocatoria que de momento non se produciu.

Pola súa parte, Montse Prado, comprometeuse en nome do BNG a trasladar en forma de preguntas ao Goberno galego estas preocupacións do sector, en particular se existe a intención de modificar a normativa galega recollida no RD 52/2015 polo que se regula o transporte sanitario en Galiza.

Volver