Ryanair comezará a facer efectivo o ERE este sábado

A CIG social solicitará á Inspección de Traballo un informe negativo e vai impugnar o ERE

Santiago de Compostela -

O ERE de Azul Handling (auxiliar de terra de Ryanair) farase efectivo a partir de mañá, sábado 1 de novembro, afectando a 63 persoas que van ver reducida a súa xornada de traballo ao 50% e aquelas que non acepten serán despedidas. Ademais, a partir do 8 de novembro hai comunicados 18 despedimentos.

A CIG-Servizos de Compostela entende que o número de despedimentos será maior, xa que as comunicacións das reducións de xornada teñen que ser aceptadas “e as persoas que non asuman esta modificación da súa xornada serán despedidas”.

O vindeiro luns, 3 de novembro, a Inspección de Traballo de Madrid, que está actuando de oficio, citou á representación social para abordar os termos do expediente de regulación e nese encontro “a CIG vai pedir a nulidade desta medida por considerar que é un fraude”.

Neste senso, explica o secretario da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso, “tamén imos impugnar o ERE en vía xudicial ao considerar que non existen causas obxectivas para os despedimentos nin as reducións de xornadas”.

Volver