Sanidade pretende resolver a falta de profesionais sobrecargando de traballo e acurtando a formación do persoal residente

CIG-Saúde demanda un Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria

Nacional -

A CIG-Saúde denuncia que a Consellaría de Sanidade pretenden resolver o problema de falta de profesionais na Atención Primaria "facendo traballar máis ás poucas persoas que quedan" e acurtando a formación do persoal residente. Critica que o documento presentada na Mesa Sectorial deste luns para a cobertura da AP no verán de 2024 non foi negociado e constitúe unha renuncia da Consellaría a actuar sobre as causas que xeran esta falta de profesionais.

O secretario nacional da federación de Saúde da CIG, Manuel G. Moreira, subliña que as dificultades para cubrir as prazas na Atención Primaria non se limitan á necesidade de substituír ausencias por vacacións, xa que, por culpa das políticas de recortes aplicadas pola Xunta do PP, "partimos de cadros de persoal minguados pola existencia de prazas baleiras, pola incidencia de baixas laborais relacionadas coas condicións de sobrecarga asistencial e coa renuncia da Administración sanitaria á planificación das necesidades reais de profesionais no conxunto da Atención Primaria".

Un traballo de planificación que, incide, "non se fai en 15 días" e por iso a CIG-Saúde leva tempo reclamándolle á Consellaría de Sanidade que elabore un  Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria. "De terse desenvolvido, xa tería feito esa análise, definido as necesidades de profesionais e posto en marcha as medidas incentivadoras precisas para garantir a cobertura dos cadros de persoal e mellorar as condicións de traballo". Moreira reitera que esta mellora das condicións de traballo "é fundamental" para facer atractivo o traballo na Atención Primaria.

CIG-Saúde entende que un verdadeiro plan de cobertura do verán para Atención Primaria non se pode limitar a repetir medidas xa experimentadas e que teñen demostrado que non solucionan os problemas de falta de cobertura asistencial na medicina de familia, na pediatría e, en menor medida, na enfermería, especialmente en zonas que incrementan a súa poboación durante o verán ou en zonas que xa son de difícil cobertura todo o ano.

Necesidade de cumprir co programa formativo do persoal residente

Doutra banda, a CIG-Saúde xa ten manifestado a súa posición sobre a “Encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación” para que substitúan ao persoal especialista ausente nos centros de saúde, PAC e servizos de Urxencias. E neste sentido destaca que para cumprir co programa formativo das persoas residentes "é imprescindíbel que se clarifique como se vai facer efectiva a supervisión do traballo que se realice durante a encomenda".

Volver