Segundo día de peche na tenda H&M de Lugo polo seguimento total da folga

Lugo -

Segundo día de folga na tenda H&M das Termas de Lugo e segundo día de peche do estabelecemento polo seguimento total do paro por parte das traballadoras, que hoxe se volveron concentrar no complexo comercial.

Malia o éxito da folga, a empresa continúa sen facer movementos e sen trasladar ningunha proposta que permita chegar a acordo e suspender o conflito. Neste senso, Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, salienta que as demandas das traballadoras son totalmente asumíbeis pola empresa, máis tendo en conta que esta tenda é unha das que a cadea sueca ten no Estado que mellores resultados obtén.

Lembra que ante a parálise na negociación do convenio provincial do comercio téxtil (que regula as condicións das traballadoras de H&M), a CIG instou a empresa a negociar un acordo  de melloras salariais e laborais para o persoal da tenda de Lugo, referidas a cuestións tan básicas como aumentar o tempo para xantar, melloras as licencias ou incorporar un complemento salarial.

Sobre este punto, hai que subliñar que o convenio colectivo está caducado dende finais de 2015 e polo tanto os salarios e as condicións están sen actualizar dende ese ano. Ademais, dende que a multinacional aplicou o ERE en 2021, a tenda das Termas conta con moi pouco persoal, "que ten que atender unha carga de traballo brutal que non é compensada economicamente pola empresa".

Ante a negativa patronal a asumir ningunha das reivindicacións da parte social e a falta de movementos neste camiño, a folga continuará os días 5, 6 e 8 de abril, e as traballadoras repetirán as concentracións todos os días ás 12:00 horas para dar máis visibilidade á súa loita.

Volver