Situación laboral indecente no servizo de axuda no fogar de Cabanas

A CIG denuncia os incumprimentos da empresa Virgen del Carmen e reclama a actuación do Concello

Cabanas -

A CIG denuncia a precariedade laboral “indecente” que soportan as traballadoras do servizo de axuda no fogar no Concello de Cabanas, adxudicado á empresa Virgen del Carmen. A compañía, advirte a CIG-Servizos de Ferrol, vulnera de xeito continuado os dereitos do persoal, polo que reclama unha intervención urxente do Goberno municipal.

Sobrecarga  de  traballo,   xornadas abusivas,  incumprimentos  de  dereitos  “e  un  sen fin  de  conductas  que  contribúen  ao padecemento  dunhas  condicións  laborais  nefastas”, son algunhas das vulneracións que sofren as traballadoras.

Para máis gravidade, critica Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, a empresa impón de quendas de traballo de máis de 9 horas “no canto de aumentar a xornada do persoal até as 39 horas recollidas en convenio. A empresa estase a beneficiar coa precariedade das xornadas parciais ao obriga a traballar en quendas de mañá e tarde, cando o convenio recolle que as xornadas parciais teñen que desenvolver o seu traballo de forma continuada”.

Ademais, engade, non é a  primeira  vez que a empresa é demandada  polo impago das actualizacións salariais correspondentes  ao IPC “e ano tras ano, as traballadoras vense na obriga de ter que reclamar os seus dereitos xudicialmente”.

“Estamos falando de traballadoras dun servizo municipal de atención a persoas dependentes. Non se entende que teñan que ser abrigadas ano tras ano a acudir aos xulgados  para cobrar a miseria de salario que por dereito  lles pertence”, asevera.

Todas estas problemáticas xa foron trasladas polas traballadoras e a representación da CIG ao Goberno municipal, nunha reunión celebrada o pasado 7 de xullo co alcalde de Cabanas. “Pero a día de hoxe seguimos a esperar unha actuación”.

Padín advirte que a explotación laboral que está a sufrir o persoal non repercute só nas traballadoras, “senón tamén  na atención  e nos coidados  que se prestan aos usuarios  e usuarias”. Por iso, a CIG seguirá a denunciar esta precariedade e “explorando todas as vías legais e sindicais para garantir un Servizo de Axuda no Fogar digno no Concello de Cabanas, tanto para as traballadoras como para as persoas usuarias”.

Volver