Traballadoras da residencia "Mi Casa" mobilízanse contra a precariedade laboral
Ferrol -
Persoal da residencia "Mi Casa" (Mensaxeiros da Paz do Norte) de Ferrol concentrouse a primeira hora desta tarde para denunciar a precariedade laboral na que teñen que realizar o seu traballo e a sobrecarga "física e emocional insoportábel" á que se ven sometidas pola falta de persoal suficiente e as eivas organizativas do centro.

Na protesta, convocada pola CIG, chamouse a atención pola falta de persoal, que se están asumindo tarefas por categorías que non corresponden, que hai contratos no departamento de limpeza con xornadas miserentas e insuficientes para atender as necesidades do cento, ou que se producen cambios constantes de quendas.
A isto súmanse as denegacións dos permisos retribuídos e as solicitudes por conciliación familiar "que nesta empresa só están destinadas a determinados departamentos". Isto, apunta responsábel de residencias privadas da CIG de Ferrol, Beatriz Fernández, obriga as traballadoras a ter que acudir de xeito permanente aos xulgados para poder exercer os seus dereitos.
Esta problemática laboral, engade, viuse agravada nos últimos anos pola implantación dunhas quenda de traballo "inasumíbeis para o persoal" que a día de hoxe, camiño de mediados de febreiro, "aínda non ten a carteleira anual debido ao deixamento das persoas responsábeis do centro".

As delegadas da CIG nesta residencia tamén manifestan "o malestar que as actitudes das responsábeis de dirección e organización do centro están a provocar coa súa ineficacia". Todas estas eivas, advirten, afectan á calidade da atención que se presta ás persoas usuarias "que son realmente quen sofre as consecuencias desta desorganización".
Por iso, avanzan que, "cada vez máis unidas", as traballadoras continuarán a mobilizarse pola dignificación do seu traballo "e para poñer freo aos desprezos e prepotencia dun equipo directivo que está a forzar o persoal a desenvolver o seu traballo en condicións nefastas".