Traballadores/as da Fundación USC Deportiva exixen explicacións pola delicada situación laboral
Denuncian que a contrata está “no olvido” das/os máximas/os responsábeis da entidade
Compostela -
As traballadoras e traballadores da Fundación USC Deportiva, concesionaria dos servizos deportivos da USC, denuncian que a contrata “está no olvido dos máximos responsables da entidade”. Bruno López e Martín Vázquez, delegados de persoal, afirman que “o presidente da entidade e a vicepresidenta descoñecen por completo o funcionamento real da fundación, e que escapan da realidade delegando plenamente no seu xerente, que trata de silenciar unha situación escura e delicada”.
As diferenzas nas condicións laborais dos diferentes empregados/as, a notable redución do plantel nos últimos anos (actualmente trinta e dous), as contratacións precarias, as presións individuais, o incumprimento de varios puntos do convenio ou o escurantismo dalgunhas preguntas sen resposta, son algunhas das grandes preocupacións dos actuais traballadores/as, que desenvolven, na súa maioría, as súas funcións nas instalacións da USC.
Descoñecemento da situación
A CIG, que ten a maioría no comité, denuncia que leva catro anos solicitando unha reunión co padroado da Fundación USC Deportiva e que, porén, a día de hoxe non hai resposta. “Tan só nos recibiron nun par de ocasións o reitor e a vicerreitora por separado e deixando claro que simplemente nos escoitarían como reitor e vicerreitora, nunca coma presidente e vicepresidenta da entidade que presiden. Nesas ocasións percibimos claramente que descoñecían a situación e o funcionamento real da entidade” comenta un dos representantes.
A Fundación USC Deportiva creouse desde a propia universidade coma alternativa ao Club Deportivo USC. Unha “transformación” que levantou moitas dúbidas legais e que deixou moitos postos de traballo atrás, cuestión que a CIG considera que “a ninguén lle interesa destapar”.
Despois do anuncio oficial de que a actual xunta de goberno da USC se presenta á súa reelección, os traballadores/as da Fundación USC Deportiva exixen explicacións e respecto polo seu traballo.
Novas relacionadas