Traballadores/as do aeroporto Rosalía de Castro mobilízanse polo mantemento da cantina

Ao remate os comités constituíron un Intercentros para defender os seus dereitos

Compostela -

Traballadoras e traballadores das empresas que operan no aeroporto Rosalía de Castro, desde Aena até Iberia ou Ryanair, Seguridade, Limpeza ou Cafeterías, mobilizáronse esta mañá na terminal de saídas, para demandar o mantemento da cantina. Lembran a precariedade laboral que padece o persoal do aeroporto e denuncian que o seu peche os obrigaría a recorrer aos restaurantes e cafeterías de viaxeiros/as, con prezos inasumibles para a maioría dos traballadores/as, máis de 1.000.

Ao remate da concentración, representantes dos comités das distintas empresas aproveitaron para celebrar unha xuntanza na que, segundo explica o delegado da CIG en AENA, Paulo de Prado, acordaron constituír un comité intercentros, con presidente, vicepresidente e vocais para defender conxuntamente os seus dereitos.

Polo de agora xa acordaron rexistrar mañá xoves, día 25 de abril, un escrito solicitando, en representación de todas as traballadoras e traballadores, unha xuntanza para abordar a actual situación.

Xunto a isto decidiron tamén convocar unha nova concentración para o vindeiro xoves, día 2 de maio para seguir demandando o mantemento da cantina.

Perigo de que a concesión quede deserta

Tal e como explicaron na rolda de prensa celebrada o pasado luns, até o de agora a concesión da cantina de persoal ía ligada á concesión dos restaurantes de viaxeiros/as. Porén agora preténdese sacar o concurso por separado, co risco de que a concesión quede deserta, como ocorreu en aeroportos como o de Tenerife Sur ou Sevilla, entre outros.

Isto obrigaría ao persoal a pagar por un menú os 16€, de media, que cobran nas cafeterías de viaxeiros ou a pagar por un café 2,20€, incrementándose así en máis do dobre o custo que actualmente teñen os produtos que consumen na cantina de persoal.

Precariedade laboral

Para as traballadoras e traballadores do aeroporto que, segundo denunciaron, son vítimas dunha xa alarmante precariedade laboral, con salarios que na súa maioría nin chegan aos 1.000 euros, sería especialmente gravoso. Máis tendo en conta que non poden saír do aeroporto para ir tomar un café, comer un bocadillo ou un menú en horario laboral, porque sería considerado abandono do posto de traballo.

Neste sentido subliñaron que en moitos casos agardar ao remate da quenda de traballo para xantar ou tomar un café non é unha opción porque o persoal está obrigado, por convenio, a manterse no seu posto cando se producen atrasos nos voos.

Isto sumaríase, para unha parte importante do persoal, ao pago do aparcamento, polo que xa moitos teñen que abonar máis de 30€ ao mes, porque non teñen outro lugar onde deixar os seus vehículos.

A este respecto denunciaron tamén que na plica só quedan garantidos os prezos para o persoal de AENA, o que cualificaron como “clasista” e “discriminatorio” e aseguraron que non van permitir que sigan “espremendo ao persoal”.

Por iso reclamaron que se convoque o concurso da cantina, que leva 64 anos funcionando, vinculado ao do servizo de restauración e que se garanta, en todo caso, que o persoal non vai ter que pagar a prezo de viaxeiro/a.

Volver