Trump e o escenario global e latinoamericano para 2025

Carlos Raimundi -

Cómpre reafirmar a necesidade de estabelecer programas claros de neto corte popular por parte das forzas políticas non neoliberais, porque, de non ser así, contribuiriamos a unha nova fase de insatisfacción democrática que nos afastará do exercicio do goberno e desembocará nun prolongado letargo e descomposición

O proceso de transición hexemónica

 O mundo asiste a unha transición hexemónica do capitalismo financeiro globalizado como expresión do Occidente xeopolítico, cara ao bloque asiático emerxente. Unha transición cuxos prazos quizais se poidan ver alterados nun ou outro sentido, xa sexa pola guerra comercial anunciada por Trump como pola recente destitución do goberno de Siria, e cuxo nivel de conflitividade é aínda impredicíbel. Con todo, trátase dunha tendencia cuxo rumbo é inexorábel. Tan inexorábel como o foi o ascenso a nivel global do Imperio británico durante os séculos XVIII e XIX a través do seu proceso industrial e do dominio dos mares, e dos Estados Unidos no século XX co seu liderado cultural, militar, comercial, financeiro e tecnolóxico.

 A historia constata que o liderado nunha etapa determinada o exerce quen ten as capacidades suficientes para impulsar o intercambio e o investimento, estabelecer as rutas comerciais aéreas e marítimas, financiar a infraestrutura dos portos e encabezar a produción de novas tecnoloxías. Nos nosos días, a capacidade para estabelecer eses grandes desafíos mediante unha serie de factores expansivos de corte non imperialista, osténtaa China.

 Entre o goberno de Cuba e o dos Estados Unidos existe unha diferenza ideolóxica similar á que separa o goberno do Perú respecto de China. Porén, mentres os Estados Unidos endurecen o bloqueo para afogar o pobo cubano, China constrúe o megaporto de Chancay nos arredores de Lima e mellora a conectividade entre América do Sur e Asia, o cal pode axudar ao desenvolvemento dos pobos. Con esta simple comparación, que podería estenderse a países de Asia ou do continente africano, queda demostrada cal é a tendencia ascendente no mundo e onde reside a progresiva perda de influencia e hexemonía.

A aceleración do fracaso

 A imaxe do Occidente xeopolítico é a aceleración do declive. Collamos algúns eixos da campaña electoral nos Estados Unidos. En Oriente Medio (convención da linguaxe elaborada desde o prisma eurocéntrico) vemos, por unha banda, o incremento do despregamento armamentista nas súas distintas formas e, ao mesmo tempo, o agravamento do conflito. A conclusión é que a clave militar non é a vía para acougar a situación: vitoria parcial do complexo militar industrial e os fondos de investimento que o sosteñen, pero ao prezo da degradación práctica, ética e política da estratexia de Occidente. No campo do combate ao narcotráfico, vemos, por unha banda, como se intensifican os mecanismos de control produtivo, espionaxe militar e disciplinamento social. E, ao mesmo tempo, a expansión das rutas e a sofisticación das substancias administradas polo narcotráfico e o crime organizado. A conclusión é que a clave da Administración do Control das Drogas dos EUA (DEA) non é a vía para deter o fenómeno: novamente, vitoria parcial dos dispositivos de espionaxe, supervisión produtiva e comandancia política militar do capitalismo financeiro, pero ao prezo da degradación práctica e ética da estratexia de Occidente. Na área das migracións, políticas cada vez máis duras e custosas foron debatidas durante a campaña presidencial entre Trump e Harris. E, ao mesmo tempo, medra progresivamente o número de familias que ven forzadas a migrar dos seus territorios en Asia, África e América Latina: outra vez, degradación práctica e ética da estratexia trazada por Occidente. É dicir, as principais políticas do capital financeiro globalizado sobre as súas áreas de influencia mostran un estrepitoso fracaso.

Disputa no seo do “deep state”

 A escasa participación electoral, o nivel de violencia, agresión semántica e polarización demostrados durante a campaña electoral nos EUA, así como a disputa polo control do sistema xudicial en detrimento da división republicana de poderes, constitúen un signo máis da deterioración do sistema de representación política do país norteamericano, que non é menor ao que se está manifestando en diferentes países de Europa occidental.

 Malia proviren de conglomerados financeiros nalgúns casos diferentes, as achegas corporativas a ambos os candidatos ascenderon a varias decenas de miles de millóns de dólares, o cal nos leva a formular dúas interrogantes. A primeira, se un cidadán ou cidadá do común podería acceder a unha candidatura. A segunda, en nome de que intereses gobernará a persoa electa, cuxa campaña foi financiada por semellantes grupos de poder.

 En suma, ademais da sobreextensión das súas intervencións militares e da deterioración da súa capacidade de influencia comercial e política a nivel global, os Estados Unidos mostran unha imaxe moi deslexitimada do seu sistema político, o cal presentaron sempre como o estandarte moral que xustificaba o seu liderado. 

 Este clima de decadencia —declive catastrófico en termos da Rand Corporation (Research and Developement)— e perda progresiva de capacidade de influencia e estabilización política e económica, repercute inevitabelmente no seo das elites de poder dos EUA desde unha perspectiva multidimensional. O anuncio de Trump de deter a guerra en Ucraína pono a mal co complexo militar industrial reavivado por Biden nas  últimas semanas de 2024, e cos fondos de investimento que o financian. Simultaneamente, a acentuación dunha guerra comercial con China alporiza as firmas estadounidenses que teñen a ese país oriental como a súa contraparte comercial número un, ou como a sede principal dos seus investimentos e das súas vendas.

 Trump ameazou a China, México e Canadá con duplicar os aranceis ás importacións, ao que China respondeu con “arancel 0” ao seu intercambio comercial cos países do Sur Global. Este litixio entre a apertura ao mundo e o proteccionismo defensivo é outra mostra de cal é a tendencia dominante.

 Agora ben, se Trump concretase a súa promesa de temperar os conflitos bélicos en diversas zonas do planeta para se concentrar en relanzar a economía interna e na súa disputa con China, vai necesitar inevitabelmente reforzar o control militar e político sobre América Latina e o Caribe, sumado á apropiación dos recursos estratéxicos da rexión, o cal agravará o enfrontamento cos gobernos que decidan non se aliñar co seu. Todas as designacións de Trump na área da súa política exterior, así como a axenda de quen vaia ser o secretario xeral de OEA para o próximo mandato, confirman este postulado.

Segunda metade ou primeiro terzo do século XX?

 Todos os documentos derivados do Plan Estratéxico de Seguridade Nacional que presenta anualmente o presidente dos Estados Unidos están feitos desde a perspectiva de que estamos a transitar unha nova edición da Guerra Fría. Certifícao a designación de China e as súas accións “malignas” como a “ameaza” principal, así como o descrédito e o enfrontamento con Rusia, as conspiracións e desestabilizacións dos gobernos próximos aos devanditos países e as sancións políticas e financeiras aos gobernos latinoamericanos como Cuba, Nicaragua e Venezuela, aos que cualifican de ditaduras promotoras do terrorismo.

 Con todo, a realidade demostra estar moi afastada da existencia de dous grandes bloques totalmente desconectados entre si como sucedeu na segunda posguerra. Hoxe a tecnoloxía da comunicación, a arte, a interdependencia económica e financeira, as cadeas globais de valor, expresan unha interconexión que desalenta calquera semellanza coa segunda metade do século XX.

 Ademais, lonxe de se tratar de dous grandes bloques que disputan a hexemonía a nivel planetario, asistimos ao xurdimento de Estados emerxentes que aspiran a incidir a nivel rexional en termos políticos e económicos, como a India, Paquistán, Turquía, Irán, e algúns países africanos como Mali, Níxer e Burkina Faso, que toman distancia da metrópole francesa.

 Así mesmo, a aparición de organizacións de países como os BRICS desafían a hexemonía do capitalismo globalizado de orixe anglosaxoa, pero non en termos dunha nova bipolaridade, desde o momento en que están integrados por países que non romperon en absoluto o seu vínculo con Occidente, e mesmo se prevé o achegamento de Turquía, que é membro da OTAN.

 Máis ben, deberiamos reflectirnos no primeiro terzo do século pasado, cando o mundo se situaba nas antesalas do fascismo. A semellanza daquel momento, asistimos a unha crise estrutural do capitalismo acompañada da transición hexemónica. O sistema-mundo estabelecido polo Occidente xeopolítico desde a caída do Muro de Berlín xa non posúe a puxanza das décadas anteriores, e a crise que exhiben tanto os Estados Unidos como Europa occidental agudizada polas guerras e a inmigración crecente, achégaos ao colapso económico, a inestabilidade política, a polarización social e a perda de lexitimidade do sistema de representación política.

 Outro síntoma de esgotamento da “orde internacional fundada en regras” que inaugurou a globalización financeira nos anos noventa é a crise do multilateralismo e do dereito internacional. Ambos acabaron por mostrar no presente o aspecto errado que o pretendido éxito dos anos iniciais procurou disimular. En realidade, tratábase dun multilateralismo de superficie, mediante o cal se comprometía a un conxunto de países co asinamento de Tratados e Convencións internacionais, que estabelecían unha orde formalmente decidida polo conxunto, cando en realidade se trataba dunha homologación colectiva dos intereses da potencia dominante e os grupos financeiros beneficiados polo sistema. Por que a crise? Por dúas razóns moi sinxelas: ninguén cumpre as regras e nada daquilo conduciu a un mundo máis xusto.

 Este conxunto de situacións propias dun sistema que xa non dá para todos, agudiza a disputa entre as elites de poder e crea as condicións para un discurso racista e discriminador. O sistema que se prezaba pola súa capacidade de construír a prosperidade universal, hoxe está reservado só para os grupos dominantes, restrinxe a incorporación de novos actores e segmenta a sociedade en franxas ben demarcadas en canto á distribución do emprego e os niveis de ingreso, e os consumos de bens materiais e culturais.

 Cando non hai lugar para todos, só hai lugar para quen, por distintos factores, se sente superior. Exprésao a economía e a política, pero tamén a comunicación, o cine, a arte e a cultura en xeral. O triunfo de Trump está a expresar en parte esta orde xerárquica na escala de valores.

 Até a primeira elección de Obama, en 2008, a comunidade latina dos EUA votaba máis cohesionada; o inmigrante “latino” que lograba integrarse ao sistema tendíalle unha man ao latino marxinal para incorporalo. Hoxe písalle a cabeza porque non hai lugar para ambos e pode converterse nun competidor. Este é un dos signos culturais que enmarcan a etapa, e expresa unha crecente tendencia ao racismo, máis aló de que forza política resulte triunfante nunha elección. 

 No chamado Occidente, a coñecida relación entre o centro e a periferia revélase hoxe anacrónica e insuficiente, desde o momento en que moitos dos problemas propios das antigas periferias como a pobreza e a aparición dunha sociedade estamental, están roendo áreas cada vez maiores dos que até onte se manifestaban como os grandes centros do poder mundial. O discurso supremacista, a tendencia á preservación individual ante o axexo crecente da exclusión, van tomando forma e crecendo masivamente en Occidente, e instálanse —como hai un século cando confluían fenómenos similares— inevitabelmente no campo da política.

 Estamos ante unha multipolaridade en construción, non ante unha bipolaridade concluínte. Os procesos de transición hexemónica nunca foron lineais, senón que se enmarcan nunha serie de conflitos onde conviven formas vellas e novas, como poderían ser a presenza de exércitos privados nos territorios físicos, como o papel das redes e plataformas nos territorios simbólicos.

A dereita medra máis no cultural que no electoral

 A incidencia negativa das redes na formación do malestar xeral e a fragmentación e polarización social preséntase ante nós, como parte da cultura de occidente, con independencia de cal é a forza política que triunfe nas eleccións.

 Non hai un crecemento exponencial das ultradereitas no terreo electoral; así o mostra o desempeño do laborismo no Reino Unido, a Francia Insubmisa, a permanencia do PSOE en España ou a crise da alianza de centro en Alemaña. En América Latina, a presenza da Fronte Ampla en Uruguai, Boric en Chile, Lula en Brasil, Petro en Colombia e Sheinbaum en México, entre outros, non parecen suxerir un risco electoral das ultradereitas. Tampouco vemos que os pobos se inclinen maioritariamente de forma estrita cara á ideoloxía e a xestualidade das dereitas radicais.

 Pero ao mesmo tempo, non se pode negar a capilaridade con que penetraron nas nosas sociedades algúns dos comportamentos afíns, ou polo menos funcionais, a devandita ideoloxía (que ten semellanzas e diferenzas co fascismo clásico): a irritabilidade e o individualismo, a tolerancia á agresión e o agravio como formas habituais de relación social.

 E, ao mesmo tempo, cómpre preguntarnos en que medida os gobernos que non son de dereitas cumpren coa formulación dun programa alternativo, non tanto respecto de respectar garantías e dereitos fundamentais dalgúns actores sociais, porque esa faceta se materializa en termos xerais, senón respecto da ruptura dos lazos de dependencia económica e financeira que nos subordinan aos poderes fácticos, tanto no interior como no exterior do Estado. De non se cumprir co compromiso electoral e no caso de que os votantes progresistas se decepcionen ao veren evaporarse as expectativas dunha vida mellor, haberá, máis cedo que tarde, consecuencias electorais. 

Trump, Arxentina e América Latina

 A economía dos Estados Unidos atravesa un momento difícil, moi afastado da liquidez financeira internacional dos anos noventa.

 Se Trump focaliza a súa estratexia externa na guerra comercial con China, tenderá á relocalización de capitais, atraídos polo proteccionismo e o aumento da taxa de xuros. No caso de Arxentina, a maior complementación entrambas as economías estará na entrega das nosas concas gasísticas e petroleiras, a nosa minería e o noso litio: Trump necesítao e Milei está disposto a cedelo, nunha nova edición do modelo de saqueo de recursos naturais e valorización financeira.

 O outro eido onde pode prosperar a relación entre Trump e Milei é na formalización dunha internacional de ultradereita, a partir do eixo de afinidade entre Trump, Bolsonaro, Milei e o presidente do Paraguai Santiago Peña, a cal buscará expandir a súa ideoloxía cara ao conxunto do continente. Tentará a vitoria en Chile nas eleccións de novembro este ano e aproveitará a crise de reservas e a disputa interna do MAS en Bolivia.

 Onde non logren consolidar unha forza electoral propia, financiarán a polarización social e a inestabilidade crónica do sistema político, para constrinxir a política a resolver a súa crise endogámica e, dese xeito, evitar que incida na distribución social da riqueza. A non sustentabilidade permanente das institucións políticas en Perú no medio dunha sólida macroeconomía, é un exemplo de como aquelas non poden conter a renda descomunal das corporacións de pesca, agro-negocios e minaría e dos fondos de investimento que as sosteñen, mentres o pobo sofre a pobreza e a desigualdade.

Corolario

 É aquí onde cómpre reafirmar a necesidade de estabelecer programas claros de neto corte popular por parte das forzas políticas non neoliberais, porque, de non ser así, contribuiriamos a unha nova fase de insatisfacción democrática que nos afastará do exercicio do goberno e desembocará nun prolongado letargo e descomposición.

 Para que iso non aconteza é fundamental completar as institucións da democracia liberal que se demostrou profundamente insuficiente e moito máis permeábel ás presións dos grandes poderes fácticos que a concretar a vontade das maiorías empobrecidas, con institucións que aseguren moito máis activa e de xeito máis influente a expresión soberana das maiorías populares. O futuro debe contar coas medidas económicas axeitadas, mais tamén cun nivel apropiado de concienciación política acerca destas, para garantir a súa irreversibilidade.

 E tamén efectuar unha clara lectura do actual momento xeopolítico, para non errar na inserción internacional. O proceso cara a un mundo multipolar en construción representa unha gran oportunidade para a nosa rexión, na medida en que os seus liderados populares leven a cabo a unidade tan soñada e tantas veces ensaiada, pero nunca concretada coa profundidade necesaria.

 

[Artigo tirado do sitio web Tektónikos, do 5 de xaneiro de 2025]

Volver