Xornada de mobilizacións contra a violencia machista e o acoso sindical en Prosegur
A CIG fixo dúas concentracións na Coruña para denunciar as prácticas vulneradoras dos dereitos que se dan nesta empresa
A Coruña/Ourense -
A CIG desenvolveu este mércores na Coruña unha xornada de mobilizacións contra as agresións machistas e o acoso sindical e laboral na empresa Prosegur. A primeira protesta realizouse no Carrefour do CC dos Rosais, centro no que traballa o delegado sindical da CIG que vén sufrindo acoso por exercer o seu labor sindical.
As segunda concentración tivo lugar nas oficinas de Prosegur no Polígono da Agrela para esixirlle á empresa que de inmediato aplique o protocolo de acoso do Plan de Igualdade, tal e como lle requiriu a Inspección de Traballo, en relación á agresión machista sufrida por unha traballadora e delegada de persoal por parte doutro vixilante de seguridade cando se dispuña a realizar o cambio de quenda.
Tal e como lembrou a propia compañeira, que está de baixa dende que foi agredida o 20 de agosto pasado, a día de hoxe Prosegur segue sen pór en marcha o protocolo de acoso, malia o requirimento da Inspección, e nin sequera adoptou ningún tipo de medida contra o agresor, ao que está amparando e ao que até hai pouco tempo mesmo tiña ocupando o posto vixilante da traballadora no edificio do campus da Universidade de Ourense, afondando así no maltrato e no desamparo á compañeira.
De feito, subliña Ángela, o traballador foi cambiado de posto recentemente "pero non cumprimento da resolución ou por activación do protocolo, senón por circunstancias que nada teñen que ver coa agresión".
A universidade tampouco se pronunciou
Malia estes gravísimos e violentos feitos, a Universidade de Vigo tampouco se pronunciou nin lle demandou a Prosegur -como cliente da empresa e como institución pública que é- que tomara medidas pola agresión, alegando que se trata dun conflito externo "e iso que levo como vixilante no campus máis de 20 anos".
Total desamparo da traballadora
A día de hoxe, Ángela non só segue de baixa médica e a tratamento das secuelas psíquicas que padece a causa destes feitos, senón que tamén está penalizada a nivel económico porque a mutua de Prosegur non lle recoñece o carácter de accidente laboral e o INSS limítase a dicir que non pode resolver o recurso até que non remate o proceso aberto no xulgado do penal. "Ás veces teño a impresión de estar vivindo nun pesadelo", afirma.
Hai que subliñar que a traballadora foi agredida verbal e fisicamente por outro vixilante de Prosegur, que ademais de insultala, facerlle xestos obscenos, quitarlle o teléfono e gravala co seu móbil, intentou atropelala varias veces, arrastrándoa polo garaxe mentres tiña os dedos atrapados na fiestra do vehículo, provocándolle así lesións en distintas partes do corpo.
Ao medo que sentiu a traballadora -que tivo que saír das instalacións en ambulancia- engádese o total desamparo no que quedou cando un responsábel xerárquico da propia empresa, home tamén, ignorou a súa chamada de auxilio, tentando despois restarlle importancia.
Un comportamento manifestamente machista e aínda así, a empresa non actuou, non adoptou ningunha medida de protección á traballadora, nin se puxo en contacto con ela e, por suposto, non aplicou medidas contra o agresor, senón que incluso o reafirmou no seu comportamento destinándoo ao posto de traballo da compañeira. Unha actitude empresarial que non se pode consentir, nin tolerar e á que a CIG lle seguirá dando cumprida resposta.
Acoso sindical no Carrefour dos Rosais
Porque ademais, o acoso e a súa permisividade parecen estar a orde do día en Prosegur. Precisamente, antes da protesta nas oficinas do polígono da Agrela, realizouse outra concentración no Carrefour do centro comercial dos Rosais, onde o delegado da sección sindical da Coruña está sufrindo acoso sindical dende hai meses.
As represalias comezaron despois de que o compañeiro denunciara na Inspección de Traballo a falta de medios técnicos para poder realizar o seu labor como vixilante e como delegado sindical. A persecución materialízase a través da imposición de sancións arbitrarias e inxustas ao compañeiro, a última delas con carácter grave por un presunto deixamento de funcións na súa actividade "do que non se achegaron probas nin evidencias".
Esta sanción derivou nunha suspensión de emprego e soldo "da que o compañeiro non é merecedor" e que será recorrida en vía xudicial.
Este tipo de prácticas, engade a sección sindical da CIG na empresa, estase convertendo en algo habitual en Prosegur, e inclúe todo tipo de artimañas como o revisado de cámaras para tentar descubrir calquera tipo de falta coa que poder sancionar o persoal.