A CIG denuncia a falta de persoal e medios no Hospital Asilo de Vilalba e reclama unha actuación das administracións

Vilalba -

A CIG-Servizos rexeita a situación de precariedade na que están a desenvolver o seu traballo as compañeiras da Fundación Hospital Asilo de Vilalba pola falta de persoal e medios suficientes. As traballadoras téñenlle trasladado esta situación á CIG, así como a súa preocupación polas repercusións que ten na atención que se presta ás usuarias e usuarios do centro.

Os problemas véñense arrastrando dende hai tempo e aínda que estas cuestións foron expostas ao padroado da Fundación nunha reunión celebrada en marzo, lonxe de solucionarse estanse agravando. Por iso, as traballadoras acaban de remitir un escrito ao Concello de Vilalba para que adopte as accións oportunas e inste a Inspección de Servizos Sociais da Xunta para esixir o cumprimento da normativa, nomeadamente no relativo ao cadro de persoal.

A CIG-Servizos apunta que o Concello de Vilalba destina todos os anos unha importante subvención á Función Hospital Asilo, polo que tamén é responsabilidade da Administración municipal velar polo uso correcto dos cartos de todos os veciños e veciñas de Vilalba e que se garantan unhas condicións laborais dignas para as traballadoras e unha atención de calidade para as persoas residentes.

A este respecto, as traballadoras advirten que non se están a cumprir coas ratios que estabelece a Lei de Servizos Sociais xa que non se cobren ausencias (baixas, días de libre disposición, licencias, etc.). Isto supón que se estea por debaixo das ratios pois o cómputo "non se pode facer co persoal que estea de alta na empresa, senón co que realmente está activo en cada momento".  

Utilizar esta triquiñuela, apunta Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, é unha práctica común nas empresas que prestan coidados, polo que a central leva anos demandándolle a Política Social que á hora de comprobar o grao de cumprimento da norma e na realización das inspeccións se contabilice só ao persoal que está realmente en disposición de facer traballo efectivo nesa xornada.

Sobrecarga de traballo insostíbel

No centro de Vilalba aproximadamente 157 residentes repartidos en seis pavillóns, algúns destes con 30 residentes pero só unha persoal traballadora en queda de mañá. Pola tarde a situación empeora xa que unicamente están 7 traballadoras para atender a todas as persoas usuarias e realizar tarefas como levantar da sesta, cambiar cueiros, dar as merendas, atender o teléfono, as visitas, dar as cear e deitar os e as residentes.

Doutra banda, as compañeiras do Asilo explican que non está actualizada a situación de dependencia das persoas usuarias e moitas delas figuran como grandes dependentes só con supervisión física ou verbal.  Xunto a isto, hai carencia de medios materiais suficientes para dar unha atención en condicións adecuadas: faltan grúas adaptadas, cadeiras de rodas e todo tipo de material sanitario.

Denuncian que esta situación se prolonga no tempo e xa se volveu insostíbel. A sobrecarga de traballo afecta tanto á súa saúde física como á psicolóxica, ao ter que soportar uns niveis de estres e ansiedade brutais por non poder contar co persoal nin cos medios necesarios para ofrecer a atención digna que merecen as e os residentes.

Volver