A CIG exixe a CCOO e UGT que expliquen en asemblea o preacordo asinado para AENA ENAIRE
Concentráronse esta mañá no aeroporto Rosalía de Castro para denunciar que foi acordado de costas ás traballadoras e traballadores
Nacional -
Persoal de AENA e ENAIRE do aeroporto de Santiago concentrouse esta mañá na terminal de saídas para manifestar o seu rexeitamento ao preacordo de convenio colectivo asinado por CCOO e UGT, para AENA ENAIRE, de costas aos traballadores e traballadoras. Un preacordo que estes sindicatos deberán agora que explicar en asemblea logo de que a CIG conseguira xuntar máis das sinaturas necesarias para forzar ao comité a convocala.
Á espera de que se fixe unha data para a celebración da xuntanza, as traballadoras e traballadores concentráronse esta mañá para denunciar que malia os beneficios millonarios obtidos por AENA ENAIRE, CCOO e UGT aceptaron un preacordo que impide recuperar o poder adquisitivo perdido; mantén diferenzas salariais no mesmo grupo laboral; non contempla a carreira profesional; consolida a temporalidade; non combate as externalizacións nin tampouco resolve a cada vez menor presenza de mulleres.
A este respecto, Pablo de Prado, delegado da CIG para os aeroportos de Galiza, puntualizou que nos últimos tres anos o Grupo obtivo, en 2022 máis de mil millóns de beneficios; en 2023 máis de 1.650 millóns de beneficios e no primeiro trimestre de 2024 máis de 800 millóns de beneficios, o que vén supoñer, afirmou, “un 30% máis que no 2023”.
Protestas en todo o Estado
De Prado denunciou ademais o “escurantismo” que houbo arredor da sinatura deste preacordo, que “nin se explicou en asemblea, nin a través de correo electrónico”, ao persoal, a diferenza dos anteriores. Unha actitude que está a provocar que os sindicatos non asinantes estean convocando accións de protesta nos aeroportos do conxunto do Estado.
Protestas nas que, en todo caso, tampouco están participando USO e CESPA que “aínda que ao final non asinaron, si participaron na negociación até o último momento, sen dicir nada do seu contido, até que se fixo público”, sinalou.
Canto ás discrepancias da CIG co contido do preacordo sinalou que en pleno debate sobre a xornada de 35 horas, nestas empresas asínase unha xornada laboral que é claramente superior á doutras empresas públicas” e que prexudica ao persoal, porque non se lle computan as horas de festivos non dominicais, nin o 24 e 31 de decembro.
Explicou tamén que se mantén unha diferenciación salarial entre traballadores/as que están no mesmo grupo laboral e que teñen categorías de “junior, medio e experimentado”, cando se debería defender que “a igual traballo, igual salario”. Ou que o persoal administrativo segue sen ter definida unha carreira profesional. Como tampouco se resolve o problema da temporalidade que hai en AENA.
De Prado cualificou de “nepotismo empresarial” o modelo de contratación existente. A través dunha “entrevista persoal” e non en función de criterios como “capacidade ou mérito”, como ocorre en calquera empresa pública. E canda isto denunciou a cada vez maior externalización de servizos, o último o de informática que augurou que acabará por ser privatizado definitivamente.
O representante da CIG non descartou a convocatoria de novos actos de protesta ou mesmo a convocatoria de folga para intentar frear a sinatura definitiva dun convenio que tan pouco avanza na mellora das condicións salariais, laborais e sociais das e dos traballadores do Grupo.