A CIG gaña dúas sentenzas contra a abusiva política de horarios de Abanca

Nacional -

En menos dun mes, a CIG gañou dúas sentenzas na Audiencia nacional contra Abanca relativas á abusiva política de horarios da entidade. A primeira resolución, explica o secretario da sección sindical, Clodomiro Montero, anulou unha cláusula anexa aos contratos de traballo que permite a Abanca cambiar de xeito unilateral os horarios das persoas traballadoras por necesidades organizativas.

A segunda sentenza anula unha cláusula acordada polo banco, UGT e SIB que permite a empresa dispoñer de dúas horas de flexibilidade preavisando cunha antelación de tan só 48 horas. "O Estatuto das persoas traballadoras estabelece un preaviso mínimo de cinco días, que che poidan cambiar o horario, dúas horas á semana, preavisando con só 48 horas dificulta tremendamente a conciliación", subliña.

Para a CIG esta cláusula era contraria a dereito polo que decidiu interpor conflito colectivo diante da Audiencia nacional, que estimou a demanda e fallou contra a Abanca anulando esta prerrogativa. Neste senso, a sección sindical critica que aínda que a sentenza favorece o dereito á conciliación das persoas con horario flexíbel, tanto UGT como SIB se opuxeron á demanda en idénticos termos que a empresa.

Cambios de horario 

No caso das cláusulas adicionais impostas por Abanca á moitas traballadoras e traballadores á hora de asinar o contrato, a CIG demandou dous destes condicionantes.

A cláusula adicional primeira estabelecía que a prestación da xornada de traballo "non pode exceder notoriamente os límites de xornada máximos da xornada diaria e anual estabelecida no convenio e nas disposicións legais en vigor”. "Abanca, no acto do xuízo, retirou o termo 'notariamente', recoñecendo que era contrario a dereito. Superar a xornada son horas extraordinarias sexa notoriamente ou non", asevera a sección sindical.

A segunda cláusula estabelecía que Abanca podería cambiar o horario da persoa en función das necesidades organizativas co único límite da duración máxima prevista no convenio e as disposicións legais. "Reclamamos a nulidade da cláusula por entendela contraria ao Estatuto das persoas traballadoras e así tamén o considerou a Audiencia nacional que ditou sentenza anulando a cláusula".

Volver