A CIG presenta denuncia na Inspección contra Ribera Salud por esquirolaxe no Hospital Juan Cardona

Ferrol -

A CIG vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo contra o grupo Ribera Salud, propietario do Hospital Juan Cardona de Ferrol, por vulneración do dereito fundamental á folga. Durante unha das xornadas de folga convocadas no sector no mes de marzo, a  dirección deste centro privado decidiu substituíu unha traballadora en folga con compañeiras que habitualmente desempeñan outras actividades.

O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, explica que estamos ante unha clara práctica de esquirolaxe posto que esa actividade non estaba marcada como servizos mínimos. "A traballadora que realiza ese servizo exerceu o seu dereito á folga e a empresa, para evitar que se paralizara a actividade, mandou a outras compañeiras a desenvolver unhas tarefas que non lle son propias. Pero substituír persoal en folga é ilegal", asevera Tizón.

Subliña que a dirección do hospital xa intentara unha manobra similar nas xornadas de folga previas, pero non conseguiu o seu obxectivo "porque dende o comité de folga non llo permitimos".

Tizón engade que esta actuación patronal constitúe unha vulneración do dereito fundamental á folga, "é un delito e por iso presentamos denuncia na Inspección de Traballo, para que abra as oportunas investigacións". Pero ademais, para o representante da CIG, este tipo de prácticas "denotan tamén o nerviosismo da patronal ante o éxito que están tendo as mobilizacións, cun especial impacto en determinados servizos, malia que as empresas queren minimizar o seguimento dos paros".

Tres días de folga a próxima semana

Ante a paralización das negociacións do convenio provincial da sanidade privada da Coruña, as centrais sindicais teñen convocadas tres novas xornadas de folga para o luns día 15, o martes 16 e o mércores 17 de abril, que se suman ás seis xornadas previas e ás ducias de mobilizacións realizadas polo persoal dende o pasado mes de setembro en demanda de salarios e condicións xustas.

A CIG exíxelle á patronal (liderada por grandes grupos como Ribera Salud, Quirón, HM ou Adeslas) que reitere da mesa as propostas de recortes en dereitos xa recoñecidos, como os trienios e o cobro do 100% no caso das baixas,  e sente negociar un incremento salarial que permita recuperar e manter o poder adquisitivo, unha redución da xornada anual para achegala á media do sector, o pago do traballo en domingos ou melloras nas licencias e permisos.

Volver