"A música é a nosa loita". O persoal da escola municipal da Coruña segue a reclamar a xestión directa
A Coruña -
Ao berro de "Concello escoita, a música é a nosa loita", o persoal da Escola Municipal de Música da Coruña concentrouse este mércores na Praza de María Pita. Esta é a cuarta mobilización que as traballadoras e os traballadores realizan en demanda da xestión pública directa da escola, para exixir que se asigne un orzamento suficiente para garantir unha educación de calidade e tamén para que se respecten os dereitos laborais e se abonen dunha vez os atrasos pendentes.
"Seguimos a reclamar a municipalización", aseverou durante a concentración a delegada de persoal da CIG, Matilde Teijeiro, quen lembrou que aínda que a escola se xestiona a través do Consorcio para a promoción da música "é do Concello e todo o persoal xa pasou por un proceso de estabilización".
O vindeiro martes, o persoal reunirase co concelleiro de Cultura para abordar a situación da EMM e o previsíbel novo convenio co Consorcio. "Queremos saber en que consiste, porque o que pedimos é un orzamento propio para a escola, para renovar o material, para termos un edificio en condicións adecuadas e poder ofrecer un ensino de calidade", sinalou.
Cómpre apuntar que ao Consorcio tamén está adscrita a Orquestra sinfónica, que absorbe a maioría do orzamento asignado a este ente. De feito, denunciou Teijeiro, o pasado ano o Concello aprobou destinar 250.000 euros para cubrir os gastos da escola de música e aínda que estes cartos foron transferidos ao Consorcio "á escola non chegou nada".
No relativo ao cumprimento do convenio colectivo, a delegada de persoal indicou que se produciron avances nas negociacións co Consorcio para o cobro dos atrasos pendentes (con efectos a xaneiro de 2021) "mais temos que agardar a que haxa liquidez".
Así as cousas, e á espera do que saia da reunión co concelleiro, o persoal seguirá loitando para conseguir a municipalización da escola e xa está preparando un novo calendario de mobilizacións para as próximas semanas.