Almorzo reivindicativo do persoal da sanidade privada no Hospital Juan Cardona por un convenio digno
Ferrol -
O persoal da sanidade privada continúa co intensísimo calendario de mobilizacións convocado ante a falta de avances na negociación do convenio provincial da Coruña e as pretensións da patronal de recortar dereitos xa consolidados. Este mércores, despois das dúas exitosas xornadas de folga da pasada semana, as protestas trasladáronse ao Hospital Juan Cardona de Ferrol (propiedade dunha das grandes patronais do sector, o grupo Ribera Salud).
Como explica o responsábel de negociación colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, este mércores a acción reivindicativa "intensificouse un grao" ao ocupar un grupo de traballadoras e traballadores a entrada do hospital para realizar un almorzo simbólico. Alí permaneceron até que a dirección do centro chamou a policía que "convidou" o persoal a desaloxar o centro. A protesta continuou entón cunha concentración diante do hospital baixo a consigna "a sanidade privada en loita por un convenio xusto".
Tizón denunciou a postura totalmente inmobilista da patronal que primeiro rachou a mesa de negociación e agora, tras da negativa da parte social de acudir a unha mediación que "era unha chantaxe", nin sequera responde ás solicitudes para concretar unha nova data de reunión.
Neste senso, o representante da CIG critica que a pretensión da patronal era acudir a esa mediación sen retirar de enriba da mesa os recortes na antigüidade e no cobro no caso das baixas. "Nós dixémoslle que retiraran esas propostas e que volveramos á mesa de negociación, pero nin se comunicaron con nós", critica.
Lembra Tizón que as propostas da patronal son inasumíbeis posto que os incrementos ofertados non garanten a recuperación e o mantemento poder do poder adquisitivo do persoal (cando hai categorías que xa quedaron por debaixo do SMI); non se avanza en cuestións básicas como a redución da xornada máxima anual para achegala á media do sector; o empresariado négase a abordar o pago do traballo en domingos; e ademais pretende recortar dereitos xa recoñecidos como o cobro do 100% no caso de IT ou modificar o actual sistema de retribución dos trienios.
Así as cousas, o calendario de mobilizacións continuará nas vindeiras semanas con concentracións diante dos principais hospitais privados da provincia e novas xornadas folgas os días 15, 16 e 17 de abril "e iremos intensificando as accións reivindicativas se a patronal segue sen responder".