Amplísimo seguimento da primeira folga na historia do comercio de alimentación ourensá
Máis de 1500 persoas participaron na manifestación que percorreu as rúas da cidade ao mediodía
Ourense -
O persoal do comercio de alimentación da provincia de Ourense amosou hoxe a súa capacidade de loita e determinación para lograr unha mellora substancial das condicións laborais. E fíxoo secundando amplisimamente a primeira xornada de folga convocada na historia do sector e participando de xeito masivo na manifestación que percorreu a cidade ao mediodía, con saída do Gadis do Couto e remate no Froiz das Lagoas.

O paro de 24 horas deixouse notar nada máis comezar o día, xa que multitude de establecementos dos tres principais grupos alimenticios afectados polo convenio non abriron as súas portas. No caso de Froiz todos os supermercados permanecen pechados, agás un en Celanova. Os Gadis tampouco puideron abrir nas principais vilas da provincias, mentres que na cidade de Ourense unicamente funcionan varios dos máis pequenos.
De igual xeito, algúns establecementos de Cuevas de menor tamaño optaron por manterse operativos, aínda que con escaseza de produtos xa que nin o almacén central nin a loxística de distribución funcionaron.
A acción dos piquetes informativos deixouse sentir tamén dende ben cedo, con catro grandes grupos (de máis de medio cento de persoas cada un) percorrendo as rúas de Ourense. Pola tarde continuaron coa súas labor, para comprobar ademais se algúns establecementos que abriron pola mañá permanecen abertos obrigando o persoal a dobrar quendas.
Ao mediodía tivo lugar unha multitudinaria manifestación na cidade, na que participaron máis de 1500 persoas ao berro de “Queremos negociar e non mendigar” e “O voso beneficio, o noso sacrificio”.
A xornada desenvolveuse con normalidade a excepción dun incidente rexistrado no Barco de Valdeorras, no que un traballador da seguridade privada dun establecemento do grupo Gadis agrediu fisicamente o secretario da Unión Local da CIG, Paco Moral, que presentou denuncia diante da Garda Civil.

Por un convenio digno
As catro centrais convocantes -a CIG, CCOO, UGT e USO- insisten en que o comercio de alimentación ourensán atópase “á cola” a nivel galego en condicións laborais e sociais, e nos últimos catro anos o persoal do sector perdeu unha parte moi importante do seu poder adquisitivo (máis de 3800 euros na categoría de caixeira/o de supermercado, categoría máis numerosa). Mentres os tres grandes grupos que negocian o convenio rexistraron uns beneficios “obscenos”, tal e como lebrou recentemente o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo.
Cuevas, a empresa máis pequena das tres, incrementou as súas ganancias despois de impostos un 70% entre o ano 2022 e o 2023, logrando uns beneficios netos de 7,8 millóns de impostos; Froiz incrementounos o 98%, até os 22 millóns; e Gadis o 64%, até os 146 millóns. “A pesar disto as direccións están chorando unha suba salarial e unha mellora en condicións laborais como conciliación ou xornada para un persoal que neste momento ten soldos por debaixo do salario mínimo”, denunciou Pérez Carballo.
O responsábel sindical sinalou que ao inicio da negociación as catro centrais advertiron que o convenio tiña que dar un xiro” de 180 graos” a nivel salarial e de dereitos e deixaron moi claro que non ían “intercambiar cromos” nin “regatear como se estivésemos comprando na feira”.
Neste senso, incidiu en que o principal obxectivo da parte social é recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos e pactar un incremento “decente”, polo que lle trasladaron á patronal que non aceptarían un acordo que non contemplase uns soldos para a categoría de caixeira/o de 18.100 euros ao ano para 2025 e 19.500 para 2026.