As secretarías xerais da CIG, CUT, UGT e CCOO remiten resposta a Sánchez Izquierdo polo seu “nulo talante negociador”

Fan un chamado ao Director Xeral da CRTVG para chegar a unha solución negociada á folga

Nacional -

Mediante un comunicado conxunto, o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril; o Secretario Xeral da CUT, Ricardo Castro; o Secretario Xeral de UGT en Galiza, Xosé Antón Gómez e a Secretaria Xeral de CCOO en Galiza, Amelia Pérez, denuncian o “nulo talante negociador” do Director Xeral da CRTVG por rexeitar a proposta de manter unha xuntanza para negociar unha solución á folga na Corporación.

COMUNICADO DAS SECRETARÍAS XERAIS DOS SINDICATOS CUT, CIG, UGT-GALICIA E CCOO-GALICIA SOBRE A FOLGA NA CRTVG

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024

As persoas abaixo asinantes, secretarias xerais dos sindicatos CUT, CIG, UGT-Galicia e Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, recibimos no día de onte unha comunicación do Director Xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, rexeitando a solicitude de xuntanza que lle remitimos o pasado 22 de outubro para abordar a situación de conflitividade que atravesan na actualidade os medios públicos de comunicación por mor da convocatoria de folga.

Sánchez Izquierdo sostén no seu escrito que a decisión empresarial de emitir O Termómetro na modalidade de coprodución “está motivada en razóns puramente organizativas, de produción e estratéxicas. Non atinxe a cuestións que afecten de xeito directo ao persoal, pois esta decisión non implica ningún cambio nas condicións laborais do persoal da CRTVG, nin supón para este colectivo ningunha minoración de efectivos de cadro, de dereitos retributivos ou doutra índole”. Segundo o máximo responsábel dos medios audiovisuais públicos galegos, a folga, “que non ten ningunha afectación ao emprego, só ten o obxectivo de crear un impacto negativo na rendibilidade da Empresa, sen traducirse nunha mellora concreta para o persoal”.

Un argumento do que disentimos radicalmente, toda vez que a privatización da produción dos contidos audiovisuais dos medios públicos galegos afecta negativamente ao volume do emprego público, que de facto sufriu unha redución moi significativa durante o mandato de Sánchez Izquierdo, ao tempo que precariza as condicións laborais das persoas traballadoras encargadas de producilos.

Ademais, a externalización dos espazos informativos afecta a funcións relacionadas cos dereitos fundamentais a comunicar e recibir libremente información veraz. A xestión externalizada do servizo público supón que as persoas traballadoras encargadas de elaborar os contidos informativos deixan de ter a consideración de empregados ou empregadas públicas, coa conseguinte desafección das obrigas legais impostas a estes últimos en relación coa defensa do interese xeral e co deber de actuar consonte aos principios éticos e de conduta regulados no Estatuto Básico do Empregado Público.

Polo contra, a negativa do Director Xeral da CRTVG a reunirse cos secretarios e a secretaria xeral dos sindicatos solicitantes demostra o seu nulo talante negociador nun conflito xerado por unha xestión empresarial que visa apuntalar a manipulación informativa, a privatización da produción e o desmantelamento do servizo público de comunicación audiovisual.

As persoas secretarias xerais dos sindicatos asinantes facemos un chamado á responsabilidade do Director Xeral da CRTVG para chegar a unha solución negociada do conflito, que impida a súa escalada e que garanta unha prestación do servizo público de radiotelevisión escrupulosamente respectuosa cos dereitos laborais das persoas traballadoras e decididamente comprometida cos valores democráticos, sociais e culturais que deben inspirar a actuación da CRTVG.

Asinado, a 31 de outubro de 2024, por:

Ricardo Castro, Secretario Xeral da CUT

Paulo Carril, Secretario Xeral da CIG

Xosé Antón Gómez, Secretario Xeral de UGT-Galicia

Amelia Pérez, Secretaria Xeral de Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Volver