Centos de persoas reclaman nas rúas de Compostela uns medios públicos e plurais ao servizo das galegas e galegos
Nacional -
O persoal da CRTVG leva 25 xornadas de folga, máis de oito semanas facendo paros intermitentes para chamar a atención sobre a externalización dun programa dos servizos informativos, A Revista, que estivo na grella da TVG case 30 anos e que, o pasado 16 de setembro a dirección da CRTVG decidiu finiquitar e poñer en mans de produtoras privadas. Por iso saíron esta mañá en manifestación, para denunciar o desmantelamento do servizos público, mais tamén a manipulación informativa, e reclamar uns medios públicos e plurais ao servizo das galegas e galegos.
A manifestación, que partiu da Praza Roxa, percorreu as rúas de Compostela para rematar na Praza de Praterías, onde os membros do Comité Intercentros deron lectura a un comunicado que, de seguido reproducimos.
COMUNICADO
Boa tarde a todas e todos e grazas inmensas por estar aquí hoxe, defendendo xunto ás traballadoras da Corporación Radio-Televisión de Galicia uns medios de comunicación públicos e plurais ao servizo da cidadanía.
Convocamos esta manifestación nun momento difícil para nós e entendemos que delicado para os medios públicos galegos. Como agardamos saibades, malia o cerco informativo ao que nos somete un sistema mediático corrupto e podre que silencia e oculta a existencia dunha mobilización case permanente entre o cadro de persoal da CRTVG, levamos, coa de hoxe, 25 xornadas de folga. Máis de oito semanas facendo paros intermitentes para chamar a atención sobre a externalización dun programa dos servizos informativos, A Revista, que estivo na grella da TVG case trinta anos, e que o pasado 16 de setembro a dirección decidiu finiquitar e poñer en mans de dúas produtoras privadas; para captar talento exterior, dixéronnos.
O novo programa, O Termómetro, é unha réplica do anterior que se viña facendo con medios técnicos e humanos propios, cunha diferenza: custa 16.000 euros diarios, 5.000 máis dos que custaba cando era de produción propia. Por que? Por que gastar máis para facer o mesmo? Por que deixar ao persoal propio sen carga de traballo boa parte da mañá? Por que quitarlles o control dos contidos dos programas informativos ás profesionais internas para entregarllelo a externas que traballan ao ditado por contrato? É acaso para subir as audiencias? É acaso para soster o tecido empresarial audiovisual do país? Será para dedicar ás traballadoras propias ás que esa decisión libera a outro tipo de tarefas que se consideran máis necesarias?
Non, non é por nada diso. É para quitarnos do medio, para ter vía libre e barra libre para acabar de completar o círculo perfecto da manipulación total, a todas horas, en todos os formatos, tele, radio, web, redes sociais, programas, e agora xa o último que nos quedaba….os informativos….
Porque seis anos de camisolas negras e moitos máis de revolta dificultan a práctica espuria manipuladora, porque non queren testemuñas que conten o que están a facer cada día, cada hora, en cada minuto de emisión de radio e de televisión cos nosos medios públicos: poñelos total e absolutamente ao servizo do partido que goberna para que difunda a través deles sen pudor a súa ideoloxía, os seus mantras, a súa propaganda….e transforme o relato do que a sociedade galega somos no que eles queren que sexa e que sexamos, ocultando boa parte da realidade, das opinións, das iniciativas, das loitas, das creacións, ocultando boa parte das verdades.
O Termómetro é o emblema desta externalización, pero só é un chanzo máis dentro do desmantelamento programado dos medios públicos, que comezou co peche das delegacións de Pontevedra, Ferrol e Burela no ano 2011, un 30 de novembro, coma hoxe. As que quedan en pé, Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, cada ano con menos persoal, para facelas desaparecer…. desta vez en silencio.
Informamos máis do que pasa na corte madrileña que do que pasa nas nosas vilas e aldeas. Na Radio Galega o Diario Cultural foi troceado e esnaquizado e a xente rebelde desprazada. Agora están facendo o mesmo coa web e coa nova plataforma, Agalega e AGalegaAudio, poden manipular en todos os soportes. O que non se escoita, o que non se ve, non existe. Sala 5, Convivir, os programas das nosas músicas… desaparecidos ou externalizados. Xente de brazos cruzados nas redaccións e veña a meter nelas con contratos precarios de prácticas ou formación redactoras seleccionadas a dedo procedentes dunha facultade de comunicación que, ollo, con todo o que está pasando, nunca considerou pertinente alzar a voz e posicionarse a prol da defensa da liberdade de información e contra a manipulación informativa. Por que este silencio da facultade de comunicación? Ata cando?
Esta folga non é polo Termómetro, esta folga é por todo o que os medios públicos deixaron de ser e malia todo debían ser, porque é a nosa responsabilidade como traballadoras alertar de que estamos nun gravísimo punto de non retorno que pode acabar de vez co que todas nós entendemos por medios públicos. E a maior ameaza, agora, o anteproxecto de nova lei da CRTVG que o goberno da Xunta parece decidido a aprobar tirando de maioría absoluta, pese a toda a oposición que concitou o texto que deron a coñecer na nocturnidade do mes de agosto.
Se esa lei reguladora da CRTVG avanza, e semella que avanzará, o retroceso democrático será tan grande que pagaremos as consecuencias todas as galegas durante anos, tal vez de xeito irreversible. Resumindo, esa lei transformará a CRTVG co aval da maioría absolutista parlamentaria, no maior aparato de propaganda financiado con cartos públicos ao servizo do goberno da Xunta, ao servizo do Partido Popular.
Se iso pasa, e pasará, non será co noso silencio, nin co voso. Aquí están hoxe, algunhas bandeira en man, moitas compañeiras e compañeiros das 40 organizacións agrupadas desde o ano 22 na plataforma en defensa da CRTVG. Esta suma de colectivos, sindicais, políticos, profesionais, culturais, de defensa da lingua, da terra, esta xente toda que estamos aquí hoxe promovemos, despois de meses de debate e reflexión, unha Iniciativa Lexislativa Popular que se chama Liberemos a Galega.
A idea é levar ao Parlamento, para que se debata e aprobe, un texto alternativo para regular a CRTVG, propoñendo xustamente os cambios e as reformas que consideramos necesarias para democratizar a nosa radiotelevisión pública, para erradicar dela a manipulación, para garantir a pluralidade, a defensa da lingua, a cobertura de todo o territorio, a programación infantil e xuvenil, a perspectiva feminista e tantas outras cousas que hoxe non temos, comezando pola xeito de elixir á dirección xeral e ao consello de administración, figuras que entendemos que precisarían maiorías reforzadas que requiren amplos consensos…. Precisamos máis de 10.000 sinaturas para que a ILP avance, para liberar a galega, e estamos camiño de conseguilas. Asinade se aínda non o fixestes, por favor, que andan os pregos a rular por aquí….
Quixeramos por último como sindicatos poñer en valor a ferramenta folga, tantas veces denostada polos inimigos da nosa clase, que pretenden enterrala e agochala no caixón da historia, acusándoa de inútil e ineficaz, cando a nada lle ten o poder e a patronal máis medo que a un grupo de traballadoras con conciencia, unidas, parando a produción, parando o sistema que tantos beneficios lles xera. Esta longa folga nosa, que seguirá a súa folla de ruta ata o 13 de decembro, cando celebraremos un paro de 24 horas para despedir como merece a que debía ser a última emisión dos 65 programas de o Termómetro que contratou a dirección da empresa…lembrounos o viva e vigorosa que está esta ferramenta obreira, dúctil, versátil, maleable, adaptable, aberta á imaxinación….
A violencia represiva que despregaron estas semanas as persoas que ocupan os cargos de alta dirección da CRTVG contra compañeiras folguistas é a evidencia palmaria de que as folgas molestan, por tanto, son eficaces para nós, minte ou engana quen o nega.
Nunca nada regalaron sen conflito, na paz social o poder está cómodo. Agora ben, os expedientes disciplinarios que abriron por supostas faltas moi graves a dúas compañeiras no contexto dos paros, non se sustentan, non hai quen os entenda e non irán a ningures….sacaron o látego e a mentira burda para intentar amedrentar ao persoal e conseguiron o efecto contrario, unha demostración de solidariedade, dignidade e unidade sen precedentes. Non imos tolerar máis represión, xa levamos demasiados anos soportando abusos e vulneracións reiteradas de dereitos fundamentais. Se queren meterlle gasolina á situación, faremos que ardan eles e elas primeiro. E avisados quedan.
Grazas por estar aquí, por poñer o corpo en sábado para defender unha CRTVG Pública e Plural. Nós seguiremos pelexando na difícil trincheira na que estamos. Traballar na CRTVG non é tan doado nin tan chuli como poida parecer. Temos moitas compañeiras en situación límite polo irrespirable clima laboral e os abusos que se cometen dentro. Hai anos que desapareceu a alegría coa que moitas empezaron aló polo 84. Asumimos como traballadoras públicas o deber de servir ao país, a todo o país, e é esa responsabilidade da nosa misión como informadoras e comunicadoras o que nos fai alertar da situación na que están os medios públicos e intentar mudala. Pero sabemos que non poderemos rescatalos sen vós. Só a cidadanía, a maioría dos galegos e galegas, poden esixir e conseguir liberar a CRTVG e poñela ao servizo do pobo.
Sigamos!
Por unha CRTVG Pública e Plural.