CIG-Saúde denuncia que a suba salarial do 2% non se aplicará ás gardas, festivos, nocturnidade e quendas

Critica que o SERGAS pretenda amortizar parte do acordo de melloras asinado en 2023 non executando este incremento

Nacional -

A CIG-Saúde denuncia que o SERGAS vai manter conxelados os complementos de garda, festividade, nocturnidade e PRD (quendas) para o persoal da sanidade pública, xa que a suba salarial do 2% acordada por CCOO e UGT a nivel estatal para o ano 2024 non se aplicará sobre os valores actuais destes conceptos.

Xa no mes de outubro de 2023, a CIG-Saúde advertiu que a suba salarial do 0,5% non se aplicaría nestes conceptos e agora, unha vez máis, "estes complementos permanecerán conxelados durante todo o ano 2024 sen que se lles aplique este incremento do 2% nin tampouco a posíbel suba do 0,5% que puidera haber a final de ano".

Hai que subliñar que acordo de melloras retributivas acadado na Mesa Sectorial do SERGAS o 20 de abril de 2023 recollía un incremento retributivo para o ano 2023 e outro para o ano 2024 nos conceptos de garda, festividade, nocturnidade e PRD (quendas).

O secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, asevera que "como asinantes dese acordo, en ningún momento asumimos que non serían de aplicación sobre estes complementos as subas salariais que se pacataran para o conxunto do persoal ao servizo das administracións públicas".

Por iso, exixe do Goberno da Xunta que asuma a aplicación desta suba do 2% aos valores acordados o 20 de abril do pasado ano. Para o secretario da CIG-Saúde "resulta inaceptábel que a Xunta amortice parte dese acordo de melloras non aplicando esta suba salarial, que no seu momento xa advertimos que era insuficiente para compensar a perda do poder adquisitivo acumulada polo persoal empregado público nos últimos anos".

Volver