Cuarto venres de mobilizacións polo dereito a conciliar en Prosegur
IKEA ordenoulle á empresa que trasladara a un vixilante tras denunciar a mala praxe dun superior
A Coruña -
Por cuarto venres consecutivo, a sección sindical da CIG en Prosegur realizou unha concentración diante do IKEA da Coruña na defensa do dereito dun vixilante de seguridade a conciliar a súa vida laboral e familiar. Denuncian que a empresa castigou o traballador cun traslado de centro que lle impide poder atender as súas fillas, logo de queixarse tanto a Prosegur como ao cliente (IKEA) pola mala praxe dun superior.
Coincide que o traballador e a súa compañeira, que tamén é vixilante de seguridade, estaban destinados no mesmo centro, a tenda do IKEA da Coruña, e podían compaxinarse nas distintas quendas tras ela solicitar unha redución de xornada. Porén, o traslado imposto por Prosegur impídelle ao traballador poder conciliar e atender as súas fillas como viña facendo até o de agora.
Malia que dende a representación da CIG se tentou negociar coa empresa para que lle buscara un centro que facilitase un calendario laboral acorde coas súas obrigas familiares, "a única resposta de Prosegur foi comunicarlle o traslado a el e ao xefe de equipo", explica Mario Teijo, delegado da CIG. Segundo afirmaron dende a dirección da empresa, este cambio faise "porque así llo ordenou o cliente, IKEA".
Neste senso, subliña que "este compañeiro non se merece que o cambien de lugar de traballo por poñer en coñecemento da empresa e do cliente unha mala práctica dun superior, e menos se este cambio resulta tan lesivo para a súa conciliación da vida laboral e familiar". Por iso, a sección sindical da CIG acordou realizar este calendario de mobilizacións diante da tenda que a cadea nórdica de mobles ten na Coruña, para visibilizar tanto "a quen oprime como a quen executa".
Á concentración deste venres seguiralle outra mobilización o vindeiro sábado pola tarde.