Delegadas da CIG nas tendas de Inditex inician un peche na sede central en demanda dunha negociación provincial

A Coruña -

As delegadas da CIG nas tendas da provincia da Coruña acaban de iniciar un encerro (por volta das 11:30h) na sede de Inditex en Sabón para reclamarlle á multinacional que cumpra o seu compromiso e reabra a negociación provincial para abordar as melloras laborais e sociais que ficaron pendentes. O obxectivo das compañeiras é permanecer nas instalacións até que a empresa acceda a negociar e concrete unha data para retomar as reunións da mesa.

As delegadas da CIG (que representan a máis do 70% das dependentas na provincia) queren facer valer con esta acción reivindicativa o compromiso trasladado por Inditex o pasado mes de decembro e defender o seu dereito a poder negociar aquí as súas condicións de traballo, ao igual que fan os compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo.

A este respecto, critican a política de Inditex de afastar e centralizar as relacións laborais en Madrid e a insistencia nunha negociación estatal na que non se concede nada para provincias como a da Coruña.

Demandas que só afectan ao persoal da provincia

As delegadas da CIG subliñan que único que lle demandan a Inditex é negociar os puntos que só afectan á provincia, como o plus sede, o plus de antigüidade que aparecía anteriormente no convenio e que conservan outros compañeiros da empresa, o bono de comida, e a homoxeneización e equiparación de todas as condicións reguladas nos comités coa empresa de cada cadea.

A este respecto consideran "inxusto e discriminatorio" que dentro da mesma provincia as traballadoras teñan condicións diferentes en materia de calendarios, librada de sábados, licencias, descansos, xornadas, categorías, ou complementos.

Á espera da resposta da multinacional á acción iniciada este venres, as traballadoras seguen mobilizándose na defensa dos seus dereitos e xa teñen convocada folga para o 27 de xuño, coincidido co inicio do período de rebaixas.

Volver